Ecoloxistas piden á presidenta da Transición Ecolóxica que Altri non reciba fondos públicos

Segundo explica Ulloa Viva nun comunicado, informaron a Narbona dos "graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macrofábrica de celulosa na comarca da Ulloa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2024 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

Representantes da plataforma Ulloa Viva, xunto con membros de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace reuníronse no Congreso coa presidenta da Comisión de Transición Ecolóxica, Cristina Narbona, para pedir que o proxecto da fábrica de Altri non reciba fondos públicos. Segundo explica Ulloa Viva nun comunicado, informaron a Narbona dos "graves impactos ambientais que causaría a instalación dunha macrofábrica de celulosa na comarca da Ulloa".

Así, lembran que a empresa quere financiar o 25 % do proxecto con diñeiro público, do Perte de descarbonización. "Piden 250 millóns de euros do diñeiro de todos para unha industria contaminante, e queren ademais uns fondos que son precisamente para todo o contrario, con condicións claras na súa regulación de apostar por non danar o territorio, a economía circular, a protección da biodiversidade e da saúde".

A modo de exemplo, alertan de que a compañía non inclúe na declaración de impacto ambiental a súa pegada de carbono, "pero o propio CEO da empresa recoñeceu que serán máis de 100.000 toneladas de CO2 ao ano". Así mesmo, estas entidades continuarán coas súas protestas contra o proxecto en Palas, polo que este domingo, 30 de xuño, levarán a cabo unha cadea humana que rodeará o edificio da Xunta en Santiago.

Ecoloxistas e Ulloa Viva reúnense con Cristina Narbona
Ecoloxistas e Ulloa Viva reúnense con Cristina Narbona | Fonte: ULLOA VIVA

LÓPEZ CAMPOS INSISTE EN QUE A XUNTA RESPECTA TODOS OS TRÁMITES

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, insistiu en que o Goberno galego respecta "claramente" todos os trámites e procedementos administrativos en relación ao proxecto que a empresa Altri expón para o municipio de Palas de Rei. O titular de Cultura pronunciouse deste xeito no pleno do Parlamento de Galicia ao ser preguntado pola deputada do Bloque Mercedes Queixas sobre o impacto que a planta de Altri terá no Camiño de Santiago.

A parlamentaria nacionalista sostivo que, ademais do impacto territorial, socieconómico e as consecuencias sobre os recursos hídricos do río Ulla, esta "macrocelulosa" supón "unha dobre ameaza para o alto valor patrimonial, cultural e turístico do Camiño de Santiago". Respecto diso, o conselleiro puxo en valor o labor da Xunta para "defender os intereses de Galicia" e incidiu tamén no seu compromiso co Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Neste punto, acusou aos nacionalistas de levar á Cámara distintas medidas sobre Altri "con excesiva demagoxia, poucos datos e bastante desinformación". Fronte a iso, sostivo que a actuación da Xunta sobre este asunto sempre foi "clara e contundente". "O Goberno galego está a respectar claramente os trámites e os procedementos administrativos como non pode ser doutra maneira", dixo para sinalar que "non concibe unha administración que non respecte os prazos e os procedementos que establecen as propias lexislacións e os propios técnicos". "E así o estamos facendo de forma clara e de forma contundente, deixando que os funcionarios e os técnicos da administración autonómica fagan o seu traballo", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta