Rueda volve pedir ao BNG que levante o veto ao PP para negociar o goberno en Ourense: "A ver se se aclaran que non son tantos"

"Que a cuarta forza en número de votos nos diga que estamos vetados simplemente porque eles queren, para min, é unha mostra clara de que non hai vontade real de negociación", manifestou o líder dos populares galegos.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 26/06/2024 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, volveu a insistir na petición de que o Bloque Nacionalista Galego levante o veto ao PP para retomar as negociacións de cara a un acordo de goberno en Ourense que permita desaloxar da alcaldía ao actual rexedor, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana). Como xa fixera en días anteriores, Rueda volveu a criticar a actitude dos nacionalistas, aos que acusa de "pór liñas vermellas" e "vetos" ao Partido Popular, e aos que lembrou que "son a cuarta forza política" en Ourense.

Tras manifestar que "non hai ningunha variación" nas conversacións desde os últimos días, insistiu en que o obxectivo do seu partido non é outro que o de "dar estabilidade aos concellos" e como exemplo diso puxo o caso do Carballiño, onde lembrou que PP e PSOE chegaron a un acordo polo que os socialistas (que xa ocupaban a alcaldía) manterán o bastón de mando durante os dous próximos anos, e o Partido Popular ocupará o último da lexislatura. "E ao Partido Socialista pareceulle moi mal que lle désemos estabilidade a un alcalde socialista", apostilou Rueda.

Así pois, reiterou que o Partido Popular non pode admitir que se lle poñan liñas vermellas. "Que a cuarta forza en número de votos nos diga que estamos vetados simplemente porque eles queren, para min, é unha mostra clara de que non hai vontade real de negociación", manifestou o líder dos populares galegos. Por iso, Alfonso Rueda indicou que, de levantarse o veto dos nacionalistas, "a situación cambia".

"Xa o dixen o outro día, a ver se se aclaran no Bloque Nacionalista Galego que tampouco son tantos. Poden falar os de Santiago cos de Ourense. Desde logo, nós non imos aceptar vetos para seguir falando", insistiu para remachar que "non ten sentido falar con xente que, se che veta, o único que quere facer é utilizar os teus votos en beneficio propio".

Nesta liña emprazou ao Bloque a cambiar a súa postura como paso previo a retomar as conversacións sobre o acordo de goberno. Estas declaracións realizounas a preguntas dos medios de comunicación tras unha reunión mantida co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Luís Menor, quen tamén consultado por este tema ratificou o devandito polo líder do PPdeG.

"Nós non podemos admitir ningún veto ao PP, esa é a circunstancia que agora mesmo está aí", dixo Luís Menor, quen lembrou que o Partido Popular acudiu desde o principio ás reunións ás que foi convocado, "pero que se diga que o PP non pode optar á alcaldía sería deixar ao pé dos cabalos aos nosos electores".

Reunión de Alfonso Rueda e Luís Menor
Reunión de Alfonso Rueda e Luís Menor | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Groucho Rueda: "-Estes son os meus princippios, se non lles gustan teño outros..."

1 Xanc

Quen pactou con Jácome no Concello e na Deputación? Dúas veces PP Rueda e Baltar Senna. Quen puxo como liña vermella que o candidato do PSOE Villarino se fose? Foi o PP. Villarino marchou e o PP sigueu de ganchete con Jácome. E agora o soberbio de Rueda atacando ao BNG... O BNG que sempre defendeu que nin Jácome nin PP. Rueda, vas facer bo a Fakejóo