A Xunta adquire outras 22 parcelas situadas no parque natural das Fragas do Eume

O obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas, como castaños e carballos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 28/06/2024 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asistiu na mañá deste venres ao acto de escritura, nunha notaría de Pontedeume, dun lote de 22 parcelas de titularidade privada, cunha superficie superior ás 11 hectáreas, no parque natural das Fragas do Eume, estando trece delas no municipio de Monfero, oito na Capela e unha en Cabanas.

Así, a Xunta suma neste parque ao redor de 1.840 hectáreas, despois de que, en febreiro deste ano, adquirise outras seis propiedades, naquela ocasión situadas en Cabanas, As Pontes e Monfero, cunha superficie de preto de cinco hectáreas. A integrante do Goberno galego asegurou que están localizadas unhas 400 parcelas, que suman 200 hectáreas, para avaliar a súa posible compra e que está previsto adquirir un terceiro lote nos próximos meses, de ao redor de 40 hectáreas, mentres se segue traballando na selección de leiras que suman outras 60 hectáreas de superficie.

Vázquez lembrou que este espazo natural xa conta cun Plan reitor de usos e xestión (Prux) e que o obxectivo da compra destes terreos é realizar actuacións de conservación e restauración de zonas de máximo interese desde o punto de vista ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas, como castaños e carballos.

Ángeles Vázquez lembrou que Xunta ten habilitado un orzamento de 1,1 millóns de euros para afrontar este tipo de adquisicións, xa que o seu obxectivo é incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación, ademais de asegurar a conservación e unha actividade económica sustentable.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asina a escritura de adquisición doutras 22 parcelas que se incorporarán ao parque Naturas Fragas do Eume
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asina a escritura de adquisición doutras 22 parcelas que se incorporarán ao parque Naturas Fragas do Eume | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta