Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Calquera cambio que o ser humano realice sobre a paisaxe, por pequeno e inofensivo que nos poida parecer, ten o seu impacto directo ou indirecto sobre o ecosistema, sobre as especies animais e vexetais que nel habitan e sobre a harmonía que existe entre elas para que ese espazo puidese chegar ata os nosos días tal e como o coñecemos. Dende o Galicia Confidencial contámosvos un exemplo de especie que se viu ameazada pola construción dunha megaestrutura no ecosistema no que habitaba. Trátase da bolboreta 'Maculinea alcon', unha especie protexida que habitaba nunha área do norte de Portugal onde Iberdrola plantexou o proxecto de construción de tres encoros. Genaro Da Silva, membro de Biosfera Consultoría Ambiental, e o seu equipo, pasaron anos inmersos nun proxecto para trasladar todos os elementos que conformaban o hábitat desta bolboreta para outro espazo, na zona de Alvao, no distrito de Vila Real (Portugal), co obxectivo de poñela a salvo. Esta é a súa historia.
Da Silva conta que "cando os encoros que Iberdrola plantexaba no norte de Portugal se enchesen de auga, rematarían con toda a poboación desta bolboreta protexida que había na zona". Ao tratarse dunha especie protexida, as empresas que promoven estes proxectos teñen que implantar toda unha serie de medidas compensatorias que palíen os efectos nocivos da súa industria. Dentro delas, unha foi precisamente "o traslado da poboación desta bolboreta ata unha zona non inundable". O problema era que "non chegaba con trasladar esta bolboreta en si, os seus exemplares adultos, senón que, polas características biolóxicas tan particulares que ten había que facer o traslado do seu hábitat ao completo", explica. A 'Maculinea alcon' é un dos lepidópteros máis ameazados de Portugal, con poboacións unicamente na parte norte do país.
"SÓ PON OS OVOS NUNHA PLANTA ESPECÍFICA E, CANDO ECLOSIONA A EIRUGA, FINXE SER UNHA LARVA DE FORMIGA PARA QUE ESTAS A ALIMENTEN"
Para completar o seu ciclo vital, esta bolboreta require da presenza no territorio de diferentes hospedadores. "Pon os ovos nunha única planta moi específica, a 'Gentiana pneumonanthe', e, cando eclosiona a eiruga, pasa uns días alimentándose da flor pero, despois, cun fío de seda, déixase caer ata o chan onde, mediante feromonas, atrae ás formigas do xénero 'Myrmica', que a confunden con larvas propias e a levan ata o seu formigueiro para alimentala", de tal maneira que, "pasado un mes, o exemplar adulto de bolboreta sae ao exterior listo para emprender o voo", segundo explica Da Silva. Así, a 'Maculinea alcon' só habita en pradairos e breixos húmidos, bordos de turbeira e zonas semellantes. Trátase dunha relación moi complexa e delicada entre todos os elementos que forman parte do ecosistema: plantas, formigas e bolboretas, que fai necesario o traslado enteiro do hábitat para garantir a súa preservación.
Como lembra Da Silva, "o traslado foi un traballo moi complicado, porque, aínda que si houbo traballos anteriores de reinserción de especies do mesmo xénero de bolboreta que a 'Maculinea alcon', non os houbo sobre esta especie concreta", asegura, indicando, ademais, que neses outros casos o que se fixo foi "xestar crías no laboratorio e logo soltalas en lugares nos que xa había as formigas 'Myrmica' e as plantas 'Gentiana pneumonanthe'". Un traballo de reinserción dun hábitat completo como o que levou acabo todo o equipo no que se incluía Da Silva era a primeira vez que se facía, non contaba con precedentes. Deste xeito, "buscamos un lugar próximo no que xa había algunhas plantas e algunhas formigas propicias para a vida desta bolboreta e fumos arrincando cadrados de terra de 100x80 centímetros cadrados, na época na que as formigas están hibernando e teñen menor actividade, para evitar que fuxisen". Terra que logo foi trasladada xunto ás plantas que xa había tamén sobre ela ata o espazo elixido para converterse en novo hábitat.
"ARRINCAR CADRADOS DE 50X50 CON PLANTAS E FORMIGUEIROS E LEVALOS ATA O NOVO ENCLAVE LEVOU MOITO TEMPO"
O lugar elixido foi un espazo situado na serra do Alvao, no distrito de Vila Real (Portugal), onde xa houbera no pasado unha poboación destas bolboretas. "Aproveitamos un lugar que nos recomendou unha asociación portuguesa, porque tiña información de que nese espazo concreto xa houbera facía anos unha poboación de 'Maculinea alcon'", explica Da Silva, que conta que o que aconteceu con ela foi que, "nun determinado momento, o dono que traballaba esas terras decidiu meter un tractor, escavar e plantar nabos, arrasando coa poboación", seguramente sen sequera saber que existía. Así, "sabiamos que ese era un terreo óptimo para que se mantivese tanto a planta, como a formiga e a bolboreta". Ao chegar ao lugar para comprobar o seu estado, "vimos que facía tempo que xa non se cultivaba nada nel, polo que falamos coa persoa que xestionaba o sitio e voltamos posteriormente para facer a introdución da especie". Para poder poñer eses cadrados de terra extraídos do hábitat orixinal, tiveron que decapar o terreo ata unha certa profundidade. "Sacamos uns 50 ou 80 centímetros de terra", segundo lembra o membro de Biosfera Consultoría Ambiental.
A última fase do proxecto levouse a cabo durante a pandemia, pero ata chegar a ese punto foron moitos anos de traballo. Da Silva lembra que "xa o traballo de arrincar cadrados de terra de 50x50 ou de 75x50 con plantas 'Gentiana pneumonanthe' que xa tivesen ovos de 'Maculinea alcon' e nos que sabiamos tamén que había algúns formigueiros de 'Myrmica' levou moito tempo", ao que houbo que sumar "a captura de exemplares adultos para soltar posteriomente no novo enclave" e, "xa na última fase, cando sabiamos que para o seguinte ano xa todo estaría cheo de auga no lugar de orixe, facer o traslado definitivo da poboación que quedaba". Afortunadamente, o éxito do traballo realizado foi rotundo e "a día de hoxe a poboación desta bolboreta aínda segue alí". Tal foi a felicidade para Da Silva que confesa que, "cando fun por alí ao ano seguinto de facer o traslado, no mes de abril, un mes antes de que esta bolboreta comece o voo, e vin o sitio cheo de formigas, case choro e todo", porque "significaba que o traslado dos formigueiros, a parte máis complicada, funcionara, e que algo que nunca se fixera antes noutros sitios tivera éxito". Despois, as eirugas que estaban sendo alimentadas no interior deses formigueiros saíron, reproducíronse, puxeron ovos, e o ciclo continuou ata ter unha poboación moi densa: "Puidemos contar milleiros e milleiros de ovos durante as tarefas de seguemento en anos posteriores", afirma.
"TODA OBRA QUE FAGAMOS NUN TERRITORIO VAISE LEVAR POR DIANTE MOITAS COUSAS, AO QUE AGORA HAI QUE SUMAR O IMPACTO DO CAMBIO CLIMÁTICO"
En concreto, a bolboreta 'Maculinea alcon' forma parte dun xénero, 'Phengaris', dentro do cal todas as especies contan con certo grao de protección, xa que teñen unha ecoloxía tan complexa que as fai especialmente vulnerables ante calquera cambiou ou destrución no seu hábitat. Neste senso, Da Silva fai un chamamento á sociedade e ás empresas para que teñan claro que "toda obra que fagamos nun territorio, sobre todo unha de tal magnitude como foron estes encoros, vai levarse por diante moitas cousas", polo que "debemos ser conscientes de que, se queremos gozar dos beneficios que estas construcións ou industrias nos poidan dar, temos que tratar de minimizar o seu impacto e gastar parte dos millóns de euros que se van levar esas empresas en mitigar o dano e mesmo en deseñar medidas compensatorias".
Ademais, Da Silva expón que agora mesmo hai outro problema de conservación engadido: o cambio climático. "Probablemente obrigará a estas bolboretas a espandirse máis ao norte, a zonas máis axeitadas para as súas necesidades no momento en que todo se vaia quencendo", prevé. Iso implicaría que, en consecuencia, "teñan que buscar un lugar onde, ademais de boas condicións climáticas, atopen tamén ás formigas 'Myrmica', das que depende directamente a súa supervivencia, e as plantas 'Gentiana pneumonanthe'". E é que, como vimos, "a bolboreta 'Maculinea alcon' precisa que se coordine a actividade da formiga ca época de floración da planta e co seu período de voo, porque se cando está voando e reproducíndose non ten flores nas que poñer ovos, córtase o ciclo", e iso é algo que "o quencemento está poñendo en risco, xa que pode facer que se adiante un período ou se retrase outro e xa non coincidan coas necesidades da bolboreta". A este respecto, lamenta que "o cambio climático implica unha inestabilidade terrible para ecosistemas que, aínda que tiñan unha certa resistencia e capacidade para absorber cambios, están xa moi deteriorados e danados, cunha capacidade de recuperación ante o impacto dun evento coma este cada vez menor", conclúe.
MACROCOMPLEXO DE IBERDROLA: CAPACIDADE DE ALMACENADO EQUIVALENTE Á ENERXÍA QUE CONSUMEN 11 MILLÓNS DE FOGARES DURANTE 24 HORAS
O proxecto hidroeléctrico Tâmega, o que puxo en risco a poboación desta bolboreta, está formado por tres centrais: Gouvaes, Daivoes e Alto Tâmega, ubicadas sobre o río Tâmega, afluente do Douro localizado no norte de Portugal, preto de Oporto. As tres centrais suman unha capacidade instalada de 1.158 MW, o que supón un aumento do 6 % da potencia eléctrica total instalada en 2024 no país. O complexo é quen de producir 1.766 GWh ao ano, o suficiente para satisfacer as necesidades enerxéticas dos municipios veciños e das cidades de Braga e Guimaraes (440.000 fogares). Ademais, esta grande infraestrutura conta cunha capacidade de almacenamento de 40 millóns de kWh, equivalente á enerxía que consumen 11 millóns de persoas durante 24 horas nos seus fogares.
O proxecto, que supuxo un investimento superior aos 1.500 millóns de euros, conta coa financiación do Banco Europeo de Investimentos (BEI). En xullo de 2018, a entidade entregou a Iberdrola 500 millóns de euros, os primeiros dos 650 aprobados en total para financiar este desenvolvemento. O proxecto ten ademais recollidas, na súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), diversas medidas de compensación de sistemas ecolóxicos, como a reforestación de máis de 1.000 hectáreas de monte, a plantación de 17.000 sobreiras ou accións para mellorar as poboacións de fauna protexida esxistente na contorna, como era o caso da bolboreta 'Maculinea alcon'. Así, os encoros de Gouvaes e Daivoes comezaron a entrar en funcionamento a comezos do 2022 e, o de Alto Tamega, está operativo dende finais do 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.