Sada, territorio zombie por un día

O concello coruñés acolle o vindeiro 21 de novembro o Survival Zombie, un evento no que teñen participado máis de 50.000 persoas en todo o Estado.

Por Gc Tendencias | Sada | 16/11/2015 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A localidade galega de Sada foi a elixida para acoller a primeira edición do xogo de supervivencia Survival Zombie en Galicia. É a primeira vez que o público galego poderá vivir a súa propia aventura neste real game que mestura a temática zombie con xogos e tramas. 

Unha das personaxes zombies da Survival Zombie que tomará as rúas de Sada
Unha das personaxes zombies da Survival Zombie que tomará as rúas de Sada | Fonte: SZ

As rúas de Sada servirán de escenario para que centos de persoas loiten contra os zombies e participen neste xogo creado pola empresa World Real Games. Máis de 50.000  persoas xa gozaron deste Evento en todo o Estado e que nesta ocasión chega á súa edición número 38. 

“Estamos moi contentos de chegar a Galicia xa que até o momento non puideramos  vir até aquí a pesar de que o público do norte pedíanolo e Sada vai poder ter o  privilexio de ser a primeira localidade infectada polos nosos zombies”, explicou o director de World Real Games, Diego de la Concepción. 

Survival Zombie é un real game que consiste en elixir ser zombie ou sobrevivente. O xogo dura 8 horas e os sobreviventes deben tentar non ser cazados polos máis de 60 actores que de inicio se caracterizan como zombies da trama. O evento arrinca cunha escena inicial espectacular na que se explica a trama aos asistentes que deberán ir buscando as probas que hai repartidas por toda a localidade e algúns edificios para conseguir selos no seu pasaporte e ir pescudando onde están as seguintes probas. 

Participantes na Survival Zombie
Participantes na Survival Zombie | Fonte: SZ

Os xogadores tamén contan con zonas seguras, algúns bares, onde poderán descansar, tomar algo e non poderán ser cachados polos zombies que poden estar en calquera lugar. A vitoria conséguese chegando á escena final sen ser cazado por ningún morto vivente. Unha escena con efectos especiais e cargada de realismo porá punto final ao xogo. No caso de ser cazado, os sobreviventes poden pasarse ao bando contrario e caracterizarse como zombies na zona de maquillaxe, onde máis de 15 profesionais transforman aos concursantes e actores. Desta forma, ao final da noite o número de zombies é case igual ao de participantes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta