Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/11/2015 | Actualizada ás 13:53
Os atentados de París do pasado venres tamén terán consecuencias en Galicia. O delegado do Goberno, Santiago Villanueva, anunciou unha “intensificación” das medidas de control en Galicia, sobre todo en lugares de gran concentración de persoas como a Catedral de Santiago e outras cidades.
Aínda que o Goberno español decidiu non aumentar o nivel de alerta, o certo é que se intensificou a vixilancia policial en puntos considerados sensibles, como é o caso da Catedral de Santiago, un dos centros mundiais da cristiandade e que é visitada por milleiros de persoas de todas as nacionalidades.
Intensificarnase, ademais, os controis pola Policía Nacional, a Garda Civil e as policías locais en portos, aeroportos, medios e vías de transporte. Tamén se realizarán vixilancias especiais en lugares onde se concentre moita xente porque "o obxectivo pode ser calquera", desde unha sala de festas a unha praia.
Preguntado pola confusión sobre o falecemento nestes atentados de París dun mozo de Pontevedra, Villanueva referiuse á finalidade de "dar maior rapidez" ao proceso de identificación das vítimas e apuntou como unha das hipóteses a perda da documentación do galego en 2012. En todo caso, lamentou e pediu desculpas por esta confusión e o "trastorno" ocasionado aos familiares do mozo pontevedrés e dixo que, tras falar con eles onte pola tarde, a "alegría é máis grande que a confusión que se puido producir".
"Traballaremos entre todos para garantir a seguridade de todos os galegos, dos españois e dos europeos", dixo Villanueva en declaracións aos xornalistas tras gardar un minuto de silencio ante a Delegación do Goberno na Coruña, en "recordo das vítimas e en solidariedade coas familias e o pobo francés".
Xunto a un centenar de persoas, Villanueva estivo acompañado, entre outros, polo líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro; o xeneral de división Francisco Javier Abaixo Merino, militares, policías e gardas civís.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.