Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 27/06/2024 | Actualizada ás 20:30
Os sentidos son parte esencial da vida de calquera persoa, porén hai quen está privado dun ou de verios deles. Imaxinas non poder escoitar e ver ao mesmo tempo? É o caso das persoas que presentan a discapacidade de xordocegueira. A Federación Española de Sordoceguera (FESOCE) estima que podería haber 240.000 persoas en España con esta doenza. Hoxe, día 27 de xuño conmemórase o Día Mundial e coñecemos un testemuño de alguén que naceu coa discapacidade auditiva e adquiriu co tempo a discapacidade visual. "Cando souben que tiña que empregar o bastón a partir dese intre, sentín rabia e dor", expresa Lidia García Poceiro, persoa con xordocegueira que pertence á organización Xoga. No seu caso naceu sen a capacidade de escoitar e adquiriu a lingua oral, xa que os seus pais eran ouvintes. Actualmente comunícase con lingua de signos, que aprendeu xa con idade adulta na Asociación de xordos de Pontevedra. Por se non fose pouco, xa de nena presentou síntomas de que ía perder a capacidade de ver con claridade.
Así conta, a través da súa intérprete, como foi perdendo a vista: "Cando tiña nove anos, mentres xogaba ao aire libre, entroume unha especie de area nos ollos. Tras acudir ao médico para limpiar o ollo em posteriormente comezar a usar lentes de contacto, a miña nai dicíame que cando fora maior ía adquirir cegueira. Eu non a cría. A partir dese momento de sospeita por parte da miña nai, comezou a pagar un seguro privado para o coidado da miña vista". Foi aos 12 anos cando as sospeitas da proxenitora se fixeron realidade, tras unha revisión médica, o doutor lle expresou que "de cara ao futuro ía adquirir cegueira". Porén, moitos anos despois, xa con 62 anos tivo un forte picor de ollos e no hospital foi diagnosticada con "ollo seco", o cal lle provocou unha cegueira parcial. "Cando o médico me dixo isto, que ía perder a visión e que non había solución para iso, sentín unha profunda angustia", expón.
VIVIR SEN DOUS SENTIDOS
Actualmente, Lidia é quen de distinguir imaxes nun encadre próximo, xa que a perda visual lle afecta á metade do ollo. Coa intérprete emprega a lingua de signos ao aire e non apoiada, como na maioría dos casos de persoas con xordocegueiras, que non teñen restos visuais. A súa situación desde nena limitou a súa capacidade para traballar: "Cobro unha pensión desde os nove anos". Estudou no colexio ata os 18 anos e comezou a carreira de enfermería en Pontevedra, pero deixouno ao ano seguinte. "Era unha época na que nas clases non contabamos con intérprete de Lengua de Signos Española (LSE) e iso impedía a miña aprendizaxe e comunicación", lamenta. A pesar de ir perdendo paulatinamente a vista, fixo un curso de bordado, onde aprendeu varias técnicas de costura como ganchillo ou punto de cruz. Actualmente é quen de conseguir coser algunhas cousas, limpar a casa ou coidar o xardín. "Gústame pasear aínda que me limita facelo en exceso a miña mobilidade", comenta.
Quere reivindicar a necesidade da figura de guía intérprete de lingua de signos, xa que considera que actualmente existe unha escaseza de profesionais cualificados expertos no ámbito da xordocegueira. Para estar conectada co mundo precisa que a outra persoa sexa quen de coñecer esa linguaxe, de feito a súa filla é intéprete e presidenta desta organización mencionada, María Jesús Monterde. De igual forma, Lidia fai un chamamento a ter maior accesibilidade en sitios turísticos para que "cando perda a visión por completo, poida seguir disfrutando deses lugares con fácil acceso".
O LABOR FUNDAMENTAL DA INTÉRPRETE
Esta entrevista con Lidia foi posible grazas ao labor de Carolina Lugo Creo, intérprete de lingua de signos e mediadora comunicativa en Xoga. No seu momento, estudou dous ciclos superiores, un é o de Interpretación de Lingua de Signos Española en A Coruña e o segundo é Mediación Comunicativa, onde se centra máis en xordocegueira, autismo, persoas con problemas de linguaxe... Recoñece que decidiu formarse por vocación absoluta, xa que sempre lle chamou especialmente a atención ver aos intérpretes na televisión. Porén, nunca antes tivera contacto con persoas con discapacidade auditiva.
Destaca do seu traballo que o máis significativo é o contacto directo con usuarios, máis aló das conferencias ou charlas que imparten. "Prestamos servizo a persoas con discapacidade auditiva ou xordocegueira en termos médicos, xestións administrativas ou compañamento se precisan ir ao hospital en persoas xordas de idade avanzada". Explica que a diferenza entre intérprete ou mediadora comunicativa é que actuando como mediadora tes "máis cancha a poder opinar, aconsellar á persoa e poder acompañala" mentres que como intérprete pura fas "de ponte de comunicación para interpretar a mensaxe da persoa sorda e retransmitilo á persoa ouvinte, nada máis, sen meterse en nada".
A IMPORTANCIA DA LINGUA DE SIGNOS
Carolina comunícase con Lidia, a través da lingua de signos ao aire, pero a medida que avance a cegueira pasarían ao sistema de lingua de signos apoiada. Neste caso, comenta, faise sobre a palma da man e varía no alfabeto nalgunha letra con respecto ao sistema ao aire: "Realízase sobre a palma dominante da persoa e coa miña man dominante tamén, sería collendo as mans por debaixo, cas súas mans apoiadas en min e sígnase igual que na lingua do aire pero sostendo as súas mans". Recoñece que é unha responsabilidade moi grande, sobre todo cando se trata de estar nos servizos médicos, xa que hai que adaptar a mensaxe e o intérprete convértese na "ponte de comunicación". Precisamente, en entidades como o Sergas considera que deberían impartirse formacións en lingua de signos dun vocabulario específico básico: "Así unha persoa xordocega podería ir soa a Urxencias e ter un mínimo de tranquilidade porque alguén a vai entender e dicirlle ao que se vai enfrontar. Ao mellor esta persoa ás tres da mañá non ten posibilidade de intérprete". Para solicitar o servizo, o usuario ten que remitir a súa petición cun par de días de antelación, aínda que as veces non é posible.
Desde a organización Xoga están loitando pola inclusión da lingua de signos nas etapas educativas para contribuír a que persoas como Lidia poidan estar máis conectadas. Veñen de rematar un taller nun colexio de Bueu, o CEIP A Pedra, onde todos os luns tiñan unha hora cos nenos, a modo de actividade extraescolar, para impartir lingua de signos. "Cun toque lúdico, interpretando cancións, por exemplo, e con vocabulario básico que o día de mañá poidan saber empregar", sinala Carolina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.