Outros 250.000 € para promocionar o XX aniversario de Galicia Calidade

A Consellería de Economía destaca que estes cargos investidos nos grandes medios galegos e españois son para “facer de Galicia unha economía competitiva a nivel nacional e internacional”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/11/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Economía destinará outros 250.000 euros para promocionar o XX aniversario de Galicia Calidade dentro das súas competencias de “favorecer o desenvolvemento económico e empresarial e facer de Galicia unha economía competitiva a nivel nacional e internacional”.

Un dos camións de Galicia Calidade no Concello de Ames
Un dos camións de Galicia Calidade no Concello de Ames | Fonte: www.concellodeames.gal

Esta nova campaña, dirixida “ás empresas e á cidadanía”,  pretende “reforzar a reputación corporativa” de Galicia Calidade con motivo do seu XX aniversario e “incentivar” o consumo de produtos adheridos a ela. “A marca de garantía Galicia Calidade cumpre 20 anos de historia e cómpre lembrar cales son os seus valores e os máis de 300 produtos galegos que contan con esta garantía e levan a marca Galicia por todo o mundo”, apunta Economía no prego de condicións desta nova campaña.

E, a pesar de ter outros  mecanismos de colaboración coas empresas para impulsar os produtos galegos, a Xunta insiste en utilizar aos medios de comunicación como mediadores, previo desembolso dun cuarto de millón de euros. 

Así, ese diñeiro estará destinado a apoiar ás empresas galegas na procura de produtos e servizos de calidade, poñer en valor os esforzos realizados polas máis de 50 empresas que contan coa marca de garantía Galicia Calidade  e “concienciar” aos empresarios de Galicia da necesidade de investir en procesos vencellados á mellora da calidade nos procesos produtivos.

“Internacionalización” das empresas galegas

Tamén, contribuír aos procesos de internacionalización e exportación das empresas galegas para “continuar medrando en novos mercados”, “reforzar a reputación corporativa” de Galicia Calidade como marca de certificación e excelencia de produtos e servizos feitos en Galicia, “incrementar a confianza nos produtos galegos” e o seu consumo e “promover un maior recoñecemento social” dos ámbitos nos que ten competencias a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Uns obxectivos que entende a Consellería de Economía que debe cubrir esta nova campaña publicitaria para “sensibilizar á poboación” sobre temas relacionados coa “calidade e a excelencia” dos produtos galegos. Con todo, curiosamente, parte do público obxectivo da campaña son “as empresas galegas”. “A través desta campaña quérese acadar o maior impacto nos medios de comunicación autonómicos co fin de fomentar a difusión da calidade da nosa industria, da nosa tecnoloxía, da nosa artesanía e do noso comercio entre os cidadáns”, engade.

A duración máxima da campaña será de tres semanas e o maior importe estará destinado á prensa escrita, cun entre 30 e 45% do total do custe. Tamén recibirán diñeiro as televisións galegas, a prensa especializada, as radios e as edicións dixitais dos medios de comunicación. Neste último punto, a Consellería de Economía fai unha observación no prego do contrato.

“Nos pregos indícase que para a realización da oferta económica do sobre C os licitadores deberán respectar, entre outras, as seguintes especificacións: (4) Custo por millar de Impresións de banner 300x300 ou similar en edicións dixitais dos medios de comunicación galegos, portada formato gráfico. Neste caso tamén se inclúen as edicións dixitais dos medios de comunicación con posibilidade de segmentación publicitaria para Galicia que consideren os licitadores”. En ningún momento, como acontece no restos das campañas da Xunta se fai referencia aos medios de comunicación en galego, só aos medios de comunicación galegos –refírese sempre aos grandes grupos de comunicación do país--, e tamén as edicións dixitais dos medios estatais con edicións galegas, como ABC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Don Quixote de Terra Chá

Sen entrar na valora ción da campaña en canto sexa positiva para os productos galegos, o que si quero expresar é a miña total oposición a que se estea a falar dos productos galegos e non se utilice aos medios escritos en galego. É que os galegos non entenderían a mensaxe se vai escirta en galego? Non é o idioma un dos máis salientables "productos" galegos?