Renovada a colaboración entre Deputación de Ourense e a UVigo con dous novos convenios por 300.000 euros

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, agradeceu á Deputación a renovación dos convenios que cualificou como "moi positivos"

Por E.P. | OURENSE | 27/06/2024 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo reforzaron a súa cooperación con dous convenios anuais de colaboración, dotados polo órgano provincial con 300.000 euros. Con eles financiarán o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, educativa e deportiva e a promoción do campus, con especial atención aos estudos de turismo.

Tras a firma no Pazo Provincial, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, agradeceu á Deputación a renovación dos convenios que cualificou como "moi positivos", "non só pola xenerosidade económica" que supón senón tamén porque "moitas accións", incluídas dentro de cada un dos convenios. "Son moi importantes para a cidade, para a provincia e tamén para nós", di.

Pola súa banda, o presidente provincial, Luís Menor, destacou o "clima de extraordinario entendemento institucional" entre a Deputación e a Universidade e tamén subliñou a importancia dos acordos "para seguir apoiando o crecemento do campus" para converterse en por si "nun motor económico a maiores de ser un motor de coñecemento, divulgación científica, información e formación".

Dos dous convenios asinados, o de maior envergadura é o de Promoción e Fomento de actuacións e programas de materia cultural, educación e deporte, a desenvolver no Campus de Ourense e no ámbito territorial. Está dotado con 220.000 euros.

Entre a programación que alberga este convenio están cursos e talleres de extensión universitaria, exposicións, rutas culturais, actividades de formación teatral e a Mostra de Teatro Universitario (Miteu), tamén a programación do coro, a celebración do Día das Letras galegas e o Día de Rosalía, entre outras accións de carácter cultural.

Tamén servirá para apoiar o programa específico e apoio a grupos de investigación do campus de Ourense, o programa de apoio á mobilidade estudantil para o alumnado, o programa de bolsas para o alumnado do rural ourensán e o curso avanzado de posgrao 'Didáctica de ficción e creación literaria'.

Os outros 80.000 euros están destinados ao convenio para promoción e fomento de actuacións relativas aos estudos universitarios no campus de Ourense, con especial referencia aos estudos de turismo.

Este acordo inclúe actividades para potenciar na provincia o turismo asociado ao termalismo e ao reto demográfico; así como a realización dunha campaña en publicidade para atraer alumnado ao campus.

Neste aspecto, o presidente provincial, Luís Menor, cualificou o turismo como "sector estratéxico que non para de crecer". Por iso, dixo "en Ourense hai moitas posibilidades", pero tense que "traballar na súa posta en marcha". Mentres que o reitor, Manuel Reigosa, sostivo que Ourense "ten o seu futuro vinculado ao turismo e o termalismo como elemento tractor da provincia", por iso considera que captar talento neste campo para o campus "é importante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta