Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/06/2024 | Actualizada ás 11:21
Os estudos de grao universitario así como os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) contarán con matrículas gratis en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos. Esta medida será aplicable para o próximo curso e con ela, ademais, cúmprese un compromiso adquirido para os primeiros 100 días de Goberno.
Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores o próximo curso terán bonificado o prezo da matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades.
Esta medida foi ratificada polo Consello da Xunta deste pasado luns e blinda que todos os universitarios e estudantes de ensinanzas artísticas superiores que aproben teñan asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria desde a primeira chamada para a matrícula de xullo en adiante. Isto converte a Galicia na única comunidade autónoma onde é posible obter unha titulación de grao totalmente de balde.
BONIFICACIÓNS
No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custe da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.
Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), ou ter superado un ciclo formativo de grao superior no curso 2024.
No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en diante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no curso 2023/24 e matricularse no curso 2024/25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galegas.
A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de créditos matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos para as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.
outra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o decreto aprobado tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumprir os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89€/crédito.
Tamén o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de aceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.
FP
Por outra banda, a Xunta continúa, un ano máis, reforzando a Formación Profesional coa ampliación de prazas, a implantación de novas titulacións e un importante impulso cualitativo da oferta de másteres e dos cursos de alta especialización para o vindeiro curso 2024-25. Deste xeito, Galicia contará o próximo curso cunha oferta de 46.714 prazas de novo ingreso, o que representa 4.540 prazas máis que o curso que agora remata (preto dun 11% máis) e unha cifra récord no conxunto das 214 ofertas diferentes entre os 153 ciclos de grao básico, medio e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos
Una das áreas que más impulso recibe o vindeiro curso son os títulos de alta especialización, unha formación impulsada de xeito exclusivo por Galicia atendendo a unha demanda específica por parte dos sectores produtivos. Nela únense dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos.
Así pois, o vindeiro curso vanse ofertar un total de 24 títulos de alta especialización, 13 deles de nova implantación e que abranguen eidos económico-industriais moi variados como son automoción e os novos vehículos híbridos, a robótica, a xestión turística, a restauración, a soldadura, as telecomunicacións, a transformación da madeira ou a cantería, entre outros. En total ofértanse 623 prazas, o que representa un aumento de máis do 52% con respecto ao presente curso. Para ilo constituiranse 27 grupos de alta especialización distribuídos por toda a xeografía galega. Os de nova incorporación son os seguintes:
A modalidade de FP Dual Intensiva (a FP Dual clásica que na nova normativa estatal pasa a denominarse así) é unha das que máis pulo recibe por parte do Goberno galego con 6.153 prazas, o que supón un incremento de máis do 45%. Esta modalidade consolídase, por tanto, como unha vía para acadar unha maior formación na empresa, o que garante unha inserción laboral de preto do 100%.
As necesidades de formación no territorio rural detectadas a través dos encontros do Plan Conecta FP permiten seguir afianzando a aposta por unha oferta formativa atractiva en áreas de menor densidade demográfica, o que confire oportunidades tanto aos mozos e mozas como ás empresas ao tempo que contribúe a fixar poboación. Así pois, para o próximo curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, un 11,5% máis que as dispoñibles ata o momento a través da ampliación de ciclos formativos e de másteres na modalidade dual intensiva.
PRAZOS
Ata o 4 de xullo estará aberto o prazo de solicitude para cursar unha titulación de Formación Profesional nas preto de 47.000 prazas de novo ingreso que vén de habilitar a Xunta de Galicia para o próximo curso 2024-25.
Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, a través do Portal Educativo ten dispoñibles as instrucións cos detalles específicos para cada unha das modalidades.
CIFRA RÉCORD
O titular de Educación, Román Rodríguez, subliñou que con esta “cifra récord”, que medra nun 11% con respecto ao actual curso e que supón a conformación de 1.799 grupos de clase, búscase “que todo aquel que o desexe, atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”.
Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 214 titulacións diferentes. Segundo Román Rodríguez, esta oferta reforzada contribuirá a “blindar a igualdade de oportunidades como sinal de identidade” do sistema educativo galego do cal forma parte a Formación Profesional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.