Coñecendo a verbena galega: María Kilate, unha raíña ao máis puro estilo Nathy Peluso que brilla na Panorama

Chegou a Galicia dende Madrid e inmediatamente a solicitaron en tres ou catro orquestas, entrando a formar parte das filas da Orquestra Televisión. Dende esa só pasou por grandes formacións e agora bota a vista atrás para contarnos a súa experiencia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/06/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

María Kilate é unha das voces máis recoñecidas da verbena galega na actualidade. E non é para menos, cada vez que interpreta unha canción o público queda abraiado coa súa potencia e á vez melosidade, así como coa súa presenza no escenario, que non deixa indiferente a ninguén. Forma parte a día de hoxe da orquestra Panorama, unha das máis grandes orquestras galegas, pero conta cunha traxectoria de dez anos na nosa terra que a convirte en todo un referente para os asiduos ás festas. Hoxe, o Galicia Confidencial continúa coa súa serie sobre o mundo da verbena en Galicia e achégase á figura de María Kilate, para coñecela un pouquiño mellor e que, a próxima vez que a vexas actuar, saibas todo o que hai detrás desta gran muller.

María Kilate coa orquestra Panorama
María Kilate coa orquestra Panorama | Fonte: Instagram @mariakilate

Para María Kilate a música non foi allea en ningún momento da súa vida: "Dende pequeniña xa estaba bailando e cantando no salón da miña casa", recoñece. A nivel profesional lembra que "comecei con 17 anos, aínda sendo menor de idade, acompañando a un cantante de flamenco ao caixón". "Empecei facendo coros e tocando o caixón por Andalucía", conta. Sendo aínda unha rapaciña xa saiu do seu Madrid natal para facer unha xira de flamenco, tal era o seu interese polo mundo artístico.

Logo, "mentres estudaba na universidade ía facendo cousiñas, en estudos de gravación ou en salas acompañando a grupos, pero cousas moi puntuais, porque estaba estudiando e non podía adicarlle todo o tempo que me gustaría". Á nosa terra galega chegou con 23 aniños. "Cando acabei a carreira fixen un máster e entereime deste mundo da verbena galega de casualidade", recorda.

"NUNCA SE ME ESQUECERÁ O PRIMEIRO DÍA DE ESTRENO, UN 6 DE DECEMBRO DE FAI 10 ANOS NA SALA DE FESTAS LA LUNA, ESTABA SÚPER NERVIOSA"

Unha vez en Galicia, "lembro que grabei varias cancións e fixen uns vídeos cantando e chamáronme de tres ou catro orquestras para entrar". A mellor oferta foi a da Orquestra Televisión, así que entrou nas súas filas. "Nunca se me esquecerá o primeiro día de estreno, un 6 de decembro na sala de festas La Luna (Pontevedra), estaba súper nerviosa e seguro que o fixen fatal", chancea María. Foron uns comezos duros para ela: "Paseino mal en canto á adaptación a todo o que é o mundo da orquestra: os ensaios, as coreografías... Todo era moi novo para min e, ademais, estaba lonxe da miña familia". Aínda así, asegura que "nunca dudei, nunca me planteei volverme a Madrid, porque tiña claro que isto era o meu".

María Kilate coa orquestra Panorama
María Kilate coa orquestra Panorama | Fonte: Instagram @mariakilate

Da orquestra Televisión deu o salto a Philadelphia; de Philadelphia a Capitol; de Capitol a unha orquestra de Castela; de Castela a Olympus; e, de Olympus, finalmente chegou a Panorama, o pasado ano 2023. "A verdade é que non me podo queixar, tiven moita sorte", recoñece. Ao preguntarlle por como definiría a súa voz, María asegura que "teño unha voz bastante persoal, porque sempre que me escoitan saben recoñecerme, e creo que se debe ao aire da miña voz, que ten moito". Ademais, "se tivese que asociar a miña voz cun xénero eu creo que sería o R&B".

"TEN QUE HABER MILLEIROS DE PERSOAS PARA QUE ME SINTA CÓMODA CANTANDO, SE SOMOS CATRO SÓS MORRO, DAME VERGOÑA"

Pero María, ao igual que acontece con moitos máis cantantes da verbena galega, non é só unha voz bonita, é unha artista dos pés á cabeza, moi completa: canta, baila, interpreta... Pero cóntanos que "o de cantar foi o último". "Eu de pequeña sempre estaba bailando, de feito estudei flamenco e algo de danza xeral, aínda que nunca cheguei a ser bailarina; de adolescente xa me fun máis pola música, aprendín a tocar o piano e a guitarra; e despois si, xa con 17 e 18 anos lembro que comecei a cantar", cóntanos, asegurando que "dábame moita vergonza cantar, morría, así que foi o último que fixen, e tiven que superar o medo". Deste xeito, afirma que "cando me adiquei a cantar xa levaba todo o demais moi interiorizado, tocaba instrumentos e bailaba".

Despois de 10 anos estando nas orquestras máis prestixiosas de Galicia, considera que xa pode dicir que superou ese medo a cantar, porque "non teño nadiña de medo escénico". E, de feito, cóntanos o segredo de que "canta máis xente mellor me vén, porque ás veces cando estou en reunións con amigos ou en cumpleanos e me din que cante non quero, porque me dá moitísima vergonza, póñome súper nerviosa". "Ten que haber milleiros de persoas para que me sinta cómoda, porque como sexamos catro sós morro da vergoña e non podo", recoñece María. E para congregar a milleiros de persoas non hai nada mellor que estar na Panorama, diso non hai dúbida.

DÚAS CANCIÓNS QUE AMA INTERPRETAR: 'ME QUEDO CONTIGO', DE LOS CHICHOS; E 'DI MI NOMBRE', DE ROSALÍA

Dentro do repertorio que interpreta nesta xira 2024, asegura que a súa canción favorita é a versión de 'Me quedo contigo', de Los Chichos, que conta que "primeiro versionouna Rosalía e, aínda que non é o meu xénero, porque eu non canto flamenco, si que me flipa, porque é un reto para min". Ademais, explica que "como é medio 'a capella' desfruto moito o momento". E non só o desfruta ela interpretando, senón tamén o público, porque recoñece que "non hai día en que non me etiquen nunha Stories con esa canción", tal é o nivel. Por outra banda, se tivese que quedarse cun dos seus temas a nivel de espectáculo, optaría por 'Di mi nombre', de Rosalía, que tamén "é moi de interpretar, de transmitir esa forza do flamenco e de sentila".

Despois de tantos anos en Galicia, María xa se sinte galega de pura cepa: "Moitas veces xa digo que eu son practicamente galega, estou moi adaptada ao clima e a todo, moi habituada aquí, e cando me volvo a Madrid xa parece que quero novamente a humidade e o fresquiño". Con todo, non se ve a longo prazo na verbena galega porque "son un cu inquedo e para min xa cheguei ao máis alto, que é estar na Panorama, estou vivindo a experiencia, pero tamén debo dicir que é algo moi esixente e moi sacrificado".

"É MOI DURO ESTAR NUNHA ORQUESTRA COMO PANORAMA, SON PRACTICAMENTE 4 MESES NOS QUE NON PODES FACER OUTRA COUSA QUE ACTUAR"

Precisamente sobre o nivel de esixencia que implica estar nunha orquestra, a artista afirma que "é moi duro", porque "aínda que cantes só durante a noite, polo día tes que descansar, durmir, senón a voz non se recupera". Así, "practicamente non che dá tempo a facer vida, entre durmir, comer, preparar o día en si... Son practicamente 4 meses nos que non podes facer nada máis que non sexa actuar". Con todo, tamén agradece que "dende a orquestra son moi conscientes de que para poder dar o 100 % precisas tomarte o descanso en serio e respectan moito os tempos de descanso". Tanto é así que mesmo cando hai que incorporar unha canción de última hora ao repertorio, "non che quitan horas do teu descanso persoal, senón que se monta no tempo no que se está montando o escenario ou no que nos estamos maquillando".

Finalmente, preguntámoslle a María como fan para saír convertidas nunha verdadeiras raíñas ao escenario todas as noites. Canto leva todo o proceso de preparación? "Védesnos así porque nos mirades dende o lonxe, se estivésedes preto...", chancea. E explica que, "máis ou menos todo lévanos unha 2 horas: chegar, organizar o vestiario, preparalo, chequear baterías, probar os micros, peinarse, maquillarse, calentar a voz, calentar o corpo... Dúas horas é o mínimo". Aínda que recoñece que o que máis estresa son os cambios de vestiario entre actuación e actuación, porque "non tes máis que o tempo que dura a propia actuación dos teus compañeiros para facer todo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta