Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/06/2024 | Actualizada ás 21:00
O Galicia Confidencial continúa coa súa serie sobre murais galegos e, nesta ocasión, traémosvos unha primicia: a obra que o artista Yoseba M.P. (xa mundialmente coñecido por ser o autor das Superavoas) realizou no cemiterio municipal de Padrón. Os muros deste cemiterio locían murchos e sen vida ata que Yoseba puxo sobre eles o seu pincel. Hoxe, os veciños e os moitos peregrinos que pasan pola zona de camiño á casa da poeta Rosalía de Castro poden admirar a beleza de varias ducias de flores tridimensionais que adornan o muro sen alterar a solemnidade do espazo, pois están pintadas con varias tonalidades de gris. Hoxe entrevistamos a este gran muralista para coñecer como xurdiu este proxecto e un pouquiño máis a fondo a súa traxectoria no mundo do mural.
Como nos explica Yoseba mentres vai pintando, "chamáronme do Concello de Padrón para que fixese unha proposta para un túnel polo que transcorre o Camiño de Santiago, xusto enfronte á Colexiata de Iria Flavia". A súa proposta pasaba "por un 'trampantojo' como o que estou facendo neste cemiterio coas flores, pero con pementos". A idea encantoulles, pero cando viron outro mural que pintara o artista no cemiterio de Oleiros non dubidaron en pedirlle que fixese unha proposta semellante para o cemiterio, así que, como el mesmo nos di, "rematei pintando isto". "Eu son un pintor de moita cor, que adoita xogar moito co humor en todo o que fai", pero neste caso a pintura é sobria, "algo que se queda lonxe de min", así que supuxo para el un cambio de perspectiva, o "non pintar nada colorido e facer algo que decorase, pero que á vez non molestase e fose suave". Así que, "como nos cemiterios hai flores, ocorréuseme facer este 'trampantojo' monocromático".
E como procede a pintar cada flor? Pois seguindo o seu instinto de artista. Nunha folla que nos amosa ten a fotografía de varias flores, pero "isto é só unha referencia, como non quero que salan todas iguais vou inventando e xogando coas cores ata que vexo que adquiren unha certa tridimensionalidade". E é que, como explica, "de nada vale que funcione en fotografía se logo non funciona na parede". Ademais, o traballo do muralista ao aire libre en Galicia non é doado, porque o tempo, a pesares de estar xa en verán, non o acompañou, polo que os días de chuvia xa non puido acudir a pintar, o que prolongou a finalización do muro. Pero pagou a pena polo resultado, non cabe dúbida.
A súa presenza no lugar, ao bordo dunha área recreativa coñecida co nome de 'O Canal', porque por ela transcorre o río, non deixou indiferente a ninguén. Os máis maiores da zona e a xente que sae polo lugar a realizar exercicio xa lle preguntaron en varias ocasións pola súa actividade. "Polo que veo ata o de agora hai moitísima xente a favor desta obra", asegura Yoseba, que nos conta a anécdota de que "xa houbo algún señor que me preguntou se tiña permiso e se me pagaban por isto", chancea. Tamén hai moita xente que xa se detén a sacarse as primeiras fotos con estas fermosas flores, que tamén chegan un pouquiño ata a parte interna do cemiterio, nos bordos do portalón.
"EU NON QUERO PINTAR SUPERAVOAS EN TODOS LADOS"
Yoseba é sen dúbida un artista coñecido a nivel mundial polos seus murais das Superavoas. Explica que "con esas obras foi que din o salto no mundo do muralismo". A súa actividade na pintura comezou con cadros doutras temáticas polas que tamén chegou a ser recoñecido, "pero si que é certo que dende que comecei a pintar as avoas con superpoderes cada vez me foron chamando de máis lugares". "É o que tamén fai posible que a día de hoxe estea aquí en Padrón pintando isto", concede. E é que lamenta que "ao comezo só me chamaban de concellos para pintar avoas, e eu non quero en todos os lugares pintar superavoas, así que pouco a pouco funme abrindo a facer outras propostas". Precisamente entre esas propostas está a de pintar nos cemiterios, algo que considera que "está tendo moita aceptación e aínda vai explotar máis, porque dá moito xogo e pode evolucionarse". "Isto é pintura de cemiterio", bautiza a práctica.
O artista comezou a pintar nas rúas dende moi novo. Lembra que "con 15 anos pintei o primeiro mural polo que me pagaron algo, na zona infantil dun colexio ao lado da miña casa, onde pintei unha escena de paiasos". "Pagáronnos as latas de pintura", chancea. Dende esa xa pasaron moitos anos e polo medio realizou diferentes traballos en tendas e locais, ata que a través das Superavoas entrou no mundo do muralismo a grande escala. "Algo de experiencia por pintar en tendas xa tiña, non de pintar fachadas de sete plantas, pero si de dúas ou de negocios grandes, así que algo xa estaba habituado", conta. E aínda que pareza mentira, as superavoas non naceron da nada, senón que anteriormente Yoseba xa as pintara en cadro, aló polo ano 2012. Mentres que o primeiro mural realizouno no ano 2016.
"EN GALICIA TEMOS MOITÍSIMO MÁIS TRABALLO QUE NOUTRAS COMUNIDADES"
Sobre a situación actual do muralismo, Yoseba atópase moi contento da aceptación que está tendo. "Os concellos están vendo que é algo que funciona moi ben, se non pintas nada polémico á xente adoita gustarlle", explica. Ademais, considera que "non creo que sexan inversións demasiado caras para poder sanear zonas da cidade, sae máis barato que poñer unha escultura nunha rotonda". Aínda que tamén concede que "o mural co paso dos anos se degrada e pode desaparecer, non é algo permanente". No seu caso, e aínda que non é o habitual, xa o chamaron para restaurar algún dos seus murais.
Dende o seu punto de vista, "en Galicia estamos nun momento moi bo", e é que "hai moita demanda de mural, moita máis que noutras comunidades". Conta que "teño compañeiros muralistas de Barcelona que non pintan tanto coma nós nin de lonxe, non teñen tanto traballo". A que se debe? Pois na súa opinión ao 'feísmo' que acompaña á nosa terra. "Temos moitísimos concellos e unhas construcións con moitísimas medianeiras, ademais de moita humidade que fai que as paredes brancas en catro anos estean negras", conclúe Yosebas.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O BNG reclamará no Parlamento que se declare como BIC a música e o baile tradicional galego
- Crédito de libre configuración da USC ao alumnado que participe na recollida de voz do Proxecto Nós
- Denuncian un condutor reincidente en Outes por reincidencia en conducir cuadriplicando a taxa de alcoholemia e sen carné
- O Morriña Fest volverá á Coruña os días 25 e 26 de xullo
- Recta final espectacular do 'XIV Outono Códax Festival'
- Korn, nova confirmación para o Resurrection Fest 2025