Convocados os premios Artesanía de Galicia 2024

O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre os días 16 e o 27 de setembro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2024 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2024 co obxectivo de recoñecer a mestría, a traxectoria e o talento no sector artesanal galego. Como novidade, tal e como explicou a Xunta nunha nota de prensa, este ano increméntase o número de galardóns na categoría Bolsa Eloy Xesto, que pasan dun a tres, polo que se incrementa tamén a dotación orzamentaria, que chegará ata os 21.000 euros e modifícase a idade máxima dos galardoados, que poderán ter ata 45 anos de idade.

Deste xeito, o Goberno galego destacou que "reforza a súa aposta pola formación especializada dos novos talentos do sector artesanal galego, co obxectivo de profesionalizar o sector e contribuír ao cambio xeracional".

Como en anos anteriores, os galardóns dividiranse en tres categorías, Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Xesto e o prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre os días 16 e o 27 de setembro.

No caso da modalidade Premio Artesanía de Galicia, a solicitude deberase presentar presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, mentres que para as outras dúas categorías as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente a través de medios electrónicos.

DESTINATARIOS

O Premio Artesanía de Galicia 2024, dotado con 9.000 euros, está dirixido a talleres artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra.

O Premio Traxectoria 2024, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector artesanal. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da artesanía da comunidade, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos neste ámbito.

O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estivesen inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar talleres inscritos, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.

Doutra banda, a bolsa Eloy Xesto vai dirixida á incorporación dos artesáns máis jovenes. Neste caso, poderanse premiar ata tres candidaturas e estarán dotadas de 4.000 euros cada unha para investir nun centro de formación de prestixio.

Ademais, valorarase o carácter innovador dos proxectos, a transferencia de coñecemento que se pretende conseguir con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo das persoas candidatas e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador.

Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación das propostas, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todas as persoas artesás cunha idade máxima de 45 anos en 2024.

RESIDENCIA LITERARIA CIDADE DA CULTURA

Por outra banda, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu este luns a benvida ás persoas participantes no IV Residencia Literaria que a Xunta programa no Gaiás ata o 13 de xullo.

Trátase dunha iniciativa na que participan unha decena de autores emerxentes. Durante estas semanas, os participantes poderán nutrir a súa escritura man a man cos seus compañeiros, co director, Javier Pena, e cos autores convidados desta edición: a catalá Irene Solà e o galego Brais Lamela.

Artesanía de Galicia
Artesanía de Galicia | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta