Así se vive un día no furacán da música metal

Calquer manual sobre conceptos básicos que non debe ignorar o usuario dun festival, fará referencia á necesidade de que cada asistente a este tipo de eventos deseñe o seu propio intinerario para non tolear. Pero foi inevitable pasar as duas primeiras horas de concertos intentando revolotear entre escenarios.

Por Galicia Confidencial | Viveiro | 01/07/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Crónica de Ramiro Vidal

Actuación dos Fear Factory no Resurection Fest
Actuación dos Fear Factory no Resurection Fest | Fonte: Jan Figueiras

Pero cara as cinco da tarde, un  movemento masivo de parroquia festivaleira cara o escenario principal se facía claramente perceptible...estaba a chegar o momento dunha das actuacións estelares do día; o das xaponesas Babymetal. Esta peculiar banda, fusiona o metal co j-pop (pop xaponés) de feito as tres vocalistas teñen unha imaxe que as fai confundirse con personaxes dunha banda deseñada do xénero “manga”. Foi curioso ver xente con camisetas de bandas thrash, hardcore, grindcore imitar os frenéticos movementos destas tres mulleres acompañando os poderosos riffs metaleiros. Houbo pogo ininterrompido nas primeiras filas e delirio total coa chegada dos hits da banda: “Gimme chocolate” e “Karate”.

Tamén xaponeses son a banda de hardcore experimental Knosis, unha das actuacións mais aplaudidas do escenario Ritual nesta xornada, na que por outra parte debemos destacar que  se concentrou unha boa parte das mellores actuacións nese escenario. Tocoulles facerlle competencia á banda indie rock Dream State (outra vez a necesidade do percorrido previamente deseñado) que tocaba case ao mesmo tempo no Chaos.

Os alemáns de Electric Callboy foron os seguintes inquilinos do escenario principal coa sua reivindicación da festa e a diversidade sexual. Levantaron o campo da festa con eses temas que combinan tan estratexicamente as partes pogueables coas partes mais melódicas totalmente aptas para corear e as partes mais techno e discotequeiras. Serían ideais para animar unha festa do Orgullo. Os metaleiros mais ortodoxos criticaron bastante a súa presenza no festival, mais que nada polo tipo de música, e foi un dos temas de discusión da noite. A xente mais nova, non quixo perder o seu concerto.

Megadeth non decepcionaron; fixeron un recital solvente, cheo de oficio, onde choveron os clásicos destes mestres do thrash metal americano, e así foron planeando Dave Munstaine e os seus, elevados pola paixón e a entrega do público, con momento álxido como non para “Simphony of destruction”. Formáronse varios circle pitts perto do escenario e ao noso pé destacaba un pequeño grupo de fanáticos arxentinos que non deixaron de corear cada tema.

O Resu en pleno apoxeo
O Resu en pleno apoxeo | Fonte: Jan Figueiras

Xusto despois e no escenario Ritual, instalado xusto enfrente, foi o turno para Fear Factory. Lategadas eléctricas de grindcore fusionado con industrial e letras escuras e antiautoritarias, criticando a sociedade do control. Este veterano combo, que tivo a sua época dourada nos anos noventa do século pasado, demostrou estar en plena forma. O público congregado, moito chegado do concerto de Megadeth, non parou de moverse.

Rematada a actuación dos Fear Factory, tivemos que decidirnos entre a actuación no escenario principal de Avenged Sevenfold e a dos míticos Cro-Mags no escenario Chaos, decantándonos pola segunda. Non había que renunciar á oportunidade de ver tocar en directo a unha banda lexendaria do New York Hardcore. Non decepcionaron cos seus riffs acelerados dacabalo entre o punk e o metal. Nada que envexar a outras bandas irmás de xeración como Sick Of It All, Madball ou Agnostic Front. Os amantes do hardcore tiveron con eles unha boa dose de decibelios e atitude ao mais puro estilo neoiorquino.

Regresamos á parte alta do recinto cando Avenged Sevenfold tocaba “Nightmare”, un dos seus hits. Presenciamos o final da sua actuación desde as cercanias do Ritual, onde agardábamos que comezaran a tocar Finntroll. Esta banda finesa foi a última do festival “oficial”; tocaron xusto despois da sesión de fogos artificiais, e despois deles estaba prevista unha sesión de dj (xa como acto post festival) á que non asistimos. Esta banda executa un black metal fusionado con música tradicional finesa (en todos os temas hai son programado de acordeón) e reivindica a cultura viquinga, como outras bandas escandinavas de metal. Fixeron un concerto marcado ao princípio polos problemas de son, que se foron corrixindo sobre a marcha, pero conseguindo mover á sua lexión de fans cos seus temas mais míticos.

Foi, en todo caso, unha xornada onde o cansanzo físico acumulado dos días anteriores non apagou as anas de festa e de tralla.  Foi tamén unha maneira de abrir boca nun verán que non fixo mais que comezar e que promete moitas citas musicais ás que asistir.

O ambiente do Resurection Fest 2024
O ambiente do Resurection Fest 2024 | Fonte: Jan Figueiras
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta