A CIG carga contra a Xunta por adherirse á proposta dunha selectividade única: "ignorancia" e "submisión" ao PP

Tras a súa adhesión ao manifesto popular para unhas probas de acceso á universidade comúns para o 2025.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2024 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino carga contra a Xunta pola súa adhesión ao manifesto do PP para promover unhas probas de acceso á universidade comúns en toda España para o ano 2025. O sindicato fala de "ignorancia" da lexislación e de "submisión" da Consellería de Educación a unha estratexia "partidaria".

A través dun comunicado, a central nacionalista asevera que "non vai existir unha proba única", nin tampouco "uns únicos criterios de avaliación nin uns temarios idénticos" porque, para que iso ocorrese, "tería que derrogarse inmediatamente" a actual lei orgánica de educación e toda a normativa. Ademais, afea a CIG, "tería que eliminarse a peculiaridade de ser galegas e galegos, de contar cunha lingua propia de carácter oficial" e da potestade legal de fixar "un 50 por cento do currículo de todas as materias".

O principal sindicato da educación pública galega cualifica de "esperpento" o acto de firma do manifesto celebrado o luns en Salamanca, ao que asistiu o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, porque "marcou un novo chanzo no nivel de submisión" da Xunta "aos ditados das necesidades partidarias" de Alberto Núñez Feijóo.

Así mesmo, a CIG denuncia "ignorancia" por parte dos populares porque a selectividade a organizan unhas comisións nas que participan as universidades públicas, o profesorado de Bacharelato e as administracións educativas. No caso galego, é a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), que de feito xa "botou a andar" un grupo de traballo para os exames do ano que vén, cando está prevista a entrada en vigor do novo modelo de selectividade.

Por tanto, o sindicato pregunta á Xunta se "vai a anular" o traballo xa feito pola CiUG e a "meter man unilateralmente" nestes grupos de traballo para aplicar uns criterios de corrección e modelos de exame determinados.

Foto de familia dos asistentes a unha reunión para abordar a EBAU común do PP. Manuel Anxo Laya - Europa Press
Foto de familia dos asistentes a unha reunión para abordar a EBAU común do PP. Manuel Anxo Laya - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta