Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2024 | Actualizada ás 18:28
Os exames da convocatoria extraordinaria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) arrincaron este martes con normalidade xeral en Galicia, cun exame de Lingua Galega e Literaturra que incluía un texto para analizar sobre o turismo rural.
Fontes da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) confirman a Europa Press que as probas se están desenvolvendo sen incidencias, máis aló de "algúns descoidos" de alumnos que se deixan o DNI en casa ou que acoden a examinarse ao centro equivocado.
Nesta convocatoria extraordinaria, que se desenvolverá ata o xoves, hai matriculados un total de 2.827 estudantes que acudirán a facer as probas a 14 localizacións distribuídas por toda a xeografía galega. Na ordinaria, celebrada a comezos de xuño, houbo máis de 13.000.
Tras unha introdución desenvolvida desde as 9.00 horas da mañá, o primeiro exame volveu a ser o de Lingua Galega e Literatura. A primeira pregunta propuña un texto da escritora viguesa Llerena Perozo Porteiro, publicada en 'Praza Pública', sobre o turismo rural para facer un resumo e redactar un texto de opinión.
No apartado de sociolingüística, propúñase un cartel dunha campaña de dinamización do galego no ámbito do fútbol, así como unha transcrición do Arquivo do Galego Oral para que os alumnos identificasen o bloque dialectal ao que pertence.
En canto á literatura, caeu un fragmento da insigne obra 'Os vellos non deben de namorarse', de Castelao; e un poema de 'Elexías do Courel', de Uxío Novoneyra. Tras a proba de Lingua Galega e Literatura, ao mediodía empezou a de Primeira Lingua Estranxeira, que maioritariamente é Inglés aínda que os alumnos tamén poden optar por Francés, Alemán, Portugués ou Italiano.
PRÓXIMOS PASOS
Unha vez conclúa a ABAU extraordinaria o xoves, as notas coñeceranas á semana, o próximo 11 de xullo, e a preinscrición nos graos universitarios abrirase para estes alumnos o día 17. A convocatoria ordinaria alcanzou unha porcentaxe de aprobados na fase xeral do 96 por cento.
En paralelo, a CiUG atópase agora inmersa no proceso de preinscrición, que se pechou o luns, das persoas que aprobaron a convocatoria ordinaria. Unha vez realizado isto, entre os meses de xullo e outubro iranse publicando progresivamente ata nove listados de admitidos nos graos universitarios galegos. As primeiras sairán o martes 9 de xullo, coa posibilidade de matricularse entre o 10 e o 11.
Aínda que a tendencia dos últimos anos é que a maioría das carreiras xa pechan a admisión no primeiro chamamento, aínda haberá algúns máis para cubrir as prazas que quedan: o segundo o luns 15 de xullo, con matrícula do 16 ao 17; e o terceiro o venres 19 de xullo, con prazo para formalizar a inscrición do 20 ao 22. Na cuarta chamada, que será o 24 de xullo, xa se poderán unir os que aproben a ABAU extraordinaria desta semana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.