Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/11/2015 | Actualizada ás 12:08
A nova campaña publicitaria da cervexeira Hijos de Rivera, da que depende Estrella Galicia, xirará en torno ao himno galego. Unha campaña que pretende levar a cabo ao longo de todo o vindeiro ano co obxectivo de vincular esta empresa coa súa terra.
A empresa botou man dun estudo de Demométrica sobre as reaccións que provoca o himno galego na poboación. Así, tres de cada catro galegos recoñece os dous primeiros versos do himno e o 85,8% dos enquisados cre que representa moi ben a Galicia.
Por iso, no seu spot, a empresa utilizar as primeiras estrofas do himno galego, un poema de Eduardo Pondal a quen lle puxo música Pascual Veiga. De feito, "Fogar de Estrella Galicia" é o slogan que utilizará a empresa galega para identificar a orixe dunha compañía que ten 109 anos e que é, xa, unha das grandes cervexeiras españolas. "Galicia é a nosa orixe e o noso principal eixo estratéxico, por iso desenvolvemos esta marabillosa campaña que demostra o noso compromiso e reflicte o noso sentimento coa nosa terra", afirmou o conselleiro delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera.
A campaña desenvolverase en Galicia ao longo do próximo ano en todos os soportes e porá de relevo a asociación de Estrella Galicia con algúns dos emblemas culturais, deportivos e sociais máis relevantes do país.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.