Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2025 | Actualizada ás 22:00
As “terras raras” eran até hai pouco iso, elementos extraños na Táboa Periódica que foron postas á parte debido á súa singularidade e escaseza e porque habería que crear unha táboa moito máis grande e complexa. Facendo unha comparación coas palabras de Bill Gates: “non abuses dos frikis, mañá poderían ser os teus xefes”, as terras raras pasaron de ser unhas “marxinadas” dentro dos elementos químicos a seren agora as estrelas de diferentes proxectos mineiros que prometen solucións contra o desemprego, o desenvolvemento e sen custes ambientais, sen contaminación, sen efectos secundarios para as persoas e cunha grande capacidade de crear riqueza. A pregunta é: seguro? Non será unha minaría como a do carbón que xa dá os últimos pasos? Ou unha minaría efímera, que cando se acabe, á parte de destruír postos de traballo tamén destrúa o medio ambiente polucionando con produtos químicos e radiativos unha área moi extensa?
QUE SON AS TERRAS RARAS
Unha das pegadas distintivas das terras raras é que a súa composición atómica é case única. Son minerais moi pesados “os seus átomos son moi voluminosos, pesados” di o xeólogo Iván Rodríguez. Tamén está a súa escasa presenza na codia terrestre, canto máis abaixo aparecen na Táboa Periódica, máis escasos. En total son dezasete elementos: escandio, itrio, lantano, cerio, praseodimio, neodimio, prometio, samario, europio, gadolinio, terbio, disprosio, holmio, erbio, tulio, iterbio e lutecio.
A atención das grandes empresas e gobernos vén polo seu valor enerxético, almacenamento de enerxía, para a fabricación de semicondutores e para o aproveitamento das enerxías renovables. Todo isto ás investigacións realizadas tanto por grandes empresas como gobernos que investiron fondos públicos para I+D+i. Ademais, a súa presenza na codia terrestre vén condicionada pola xeomorfoloxía do solo, pois é máis doado encontrar estas “terras” en áreas de granito.
Son rendibles as explotacións mineiras destes materiais? “Eses son os números que non están feitos” di Iván Rodríguez. A explotación mineira destes materiais realizaríase onde as situacións xeolóxicas son excepcionais (choque entre granito e calizas, por exemplo). Esa excepcionalidade fai interesate o lugar para a súa explotación pola porcentaxe de terras raras. Mais estes materiais están incrustados noutros materiais que poden ser moito máis abundantes e ao mellor sen interese comercial.
A cuestión é que se os minerais con valor comercial son escasos e para aproveitalos é necesario moer unha montaña até o punto da pulverización. Despois habería que aplicar química para poder separar as terras raras do resto de minerais. Resulta rendible moer a montaña para ter uns quilos dese mineral raro? De momento, sobre os números e a rendibilidade aínda “estamos fantaseando”.
CONSECUENCIAS DA MINARÍA
A concentración de terras raras en Galicia é baixa mais a súa demanda está incrementando os prezos, punto este que pode empurrar á explotación de lugares cunha presenza moi baixa de elementos como o cadmio ou o lantano. O incremento dos prezos no mercado tamén van parellos aos sistemas de refinado para separar o que interesa do que non. Isto supón practicamente un sistema e unha tecnoloxía diferente por cada terra rara.
A apertura destas explotacións levaría canda si a creación de “resilientes”, entullos que deixarían ao descuberto materiais pétreos mais tamén restos que poden levar materias perigosas. Segundo Ecoloxistas en Acción (EEAA), estes entullos unha vez que chove a auga arrastrará materiais pesados ás bacias e ríos contaminando a auga. “Hai países como China onde se fai un segundo refinado dos entullos” di Cristóbal López de EEAA.
Porén, dada a laxitude das lexislacións en canto minaría, hoxe por hoxe un segundo reciclado non se contempla. Ademais diso, temen que a apertura da mina de litio en Doade acabe sendo unha explotación tal cal as observadas en Galicia, “un lugar que logo deixarán abandonado e sen restaurar”. Por outra parte EEAA denuncia que este tipo de explotacións estanse facendo en áreas do rural case baleiras para así evitar a mobilización social.
A día de hoxe Galicia podería ter baixo a súa codia terras raras en áreas graníticas. A industria electrónica, sobre todo, é a máis interesada nestas explotacións mais a tecnoloxía que se debe mobilizar para facer extraer estes minerais é moi elevada. Tanto é así que xorden dúbidas sobre se é rendible ou non a explotación destas materias.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.