Praias galegas que son un tesouro: As Cunchas, onde os mellores recunchos permanecen agochados entre a natureza

Coa metade da praia de area grosa e branca e a outra metade recuberta de cunchas de berberecho, é un lugar paradisiaco digno de postal.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/07/2024 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Galicia conta con areais de ensoño que non lle deben pares aos lugares máis paradisiacos do Caribe. E un deses lugares atópase no concello de Rianxo, o municipio barbanzano situado na parte máis interior da ría de Arousa e, polo tanto, o que conta coas praias máis protexidas. Estamos a falar da praia das Cunchas, un areal de 130 metros de lonxitude onde as augas sempre están tranquilas, perfectas para o baño, tamén sendo seguras para os máis pequenos da casa. Ao situarse nunha contorna fluvial, preto da desembocadura do río Ulla, apenas hai ondada.

Praia das Cunchas, en Rianxo
Praia das Cunchas, en Rianxo | Fonte: Turismo de Galicia

Ademais, está ben protexida contra os días de forte vento, pois atópase rodeada de piñeiros que cobren ao areal das inclemencias do tempo. A súa area é gorda e, como o seu propio nome indica, na parte máis baixa do areal, chegando á auga, está tapizada de pequenas cunchas, na súa maioría os restos de berberechos. A súa lonxitude faina perfecta para dar longos paseos e non só é grande ao longo, senón tamén ao ancho, pois dende o comezo do areal ata a auga pode haber tranquilamente 20 metros na pleamar ou ata 50 na preamar.

Tamén hai que destacar que agocha certos lugares segredos nos arredores. Dende o aparcadoiro e adentrándose por detrás dos piñeiros, pódese chegar a outra praia pequeniña situada na coñecida como Enseada de Seveira. Mentres que As Cunchas adoita estar moi concorrida en pleno verán, esta alternativa atópase practicamente baleira sempre, pois non moita xente sabe que existe. Ademais, por un camiño que tamén arrodea os piñeiros, pódese chegar ata a zona das rochas, dende a que divisar a plenitude da ría de Arousa e Carril, a parroquia de Vilagarcía de Arousa que se sitúa xusto enfronte.

Dende As Cunchas tamén se pode chegar a outra praia ben grande, coa que está comunicada cando baixa a marea a través dun oquiño que hai entre as canas: O Porrón. Neste caso tamén se pode chegar por outra pista usando o coche, pero hai moita xente que opta por cruzar As Cunchas para chegar a ela. O Porrón conta con 400 metros de lonxitude e conta con area máis fina. E moi preto das Cunchas tamén hai un castro e os petroglifos dos Mouchos. A última incorporación ao seu atractivo turístico é un banco de cor vermella no que sentarse para poder sacar unhas bonitas fotos mirando á praia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta