O TSXG dá a razón a Down Galicia e a Xunta terá que modificar a orde de axudas para libros e material escolar

O alto tribunal galego certifica que a normativa é "discriminatoria" e a federación urxe o seu cambio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2024 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deu a razón á Federación Down Galicia e emitiu unha sentenza na que considera "discriminatoria" a orde de axudas para libros de textos e material escolar da Xunta, polo que esta deberá ser modificada para o novo curso académico. O alto tribunal galego certifica que a normativa, nos termos nos que está redactada, resulta "discriminatoria" e considera "indubidable" a diferenza de trato aos alumnos escolarizados en centros ordinarios respecto dos que están en centros específicos de educación especial ou en unidades de educación especial.

O TSXG emitiu esta sentenza en resposta ao recurso presentado en xullo de 2023 pola Federación Down Galicia contra a orde 10 do 10 de maio pola que a Consellería de Educación convoca axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas aos alumnos matriculados en educación primaria, secundaria e educación especial en centros sostidos por fondos públicos.

Segundo a sentenza, "non se atopa unha xustificación razoable para conceder as axudas de forma prioritaria ao alumnado que recibe educación en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios".

DOWN GALICIA URXE MODIFICAR A NORMATIVA

O presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, explicou en rolda de prensa ante os medios, como funciona este sistema de axudas na práctica. Os matriculados en réxime de educación especial reciben 300 euros para libros de texto e 75 euros para material escolar co único requisito de estar matriculado nun centro de educación especial, mentres que as axudas para o alumnado con discapacidade escolarizado en educación ordinaria "depende da renda da unidade familiar".

O mesmo sucede cos estudantes cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, que, segundo as explicacións do colectivo, reciben o importe máis alto sen cumprir outros requisitos. A Federación Down Galicia instou á administración autonómica a modificar "canto antes" a orde de axudas de libros e material escolar para o curso 24-25, publicada o mes de maio "nos mesmos termos que as anteriores".

DEZ ANOS DE RECLAMACIÓNS

Despois de dez anos de reclamacións á Xunta, a Federación decidiu presentar un recurso contra a mencionada orde en xullo do ano pasado ante a "clara discriminación da normativa".

Delmiro Prieto subliñou que tras insistir durante dez anos ante a dirección xeral correspondente para que modificase esta anomalía, decidiron "dar o paso" e un ano despois, "hai unha sentenza en firme do Tribunal Superior de Xustiza".

Así mesmo, explicou que esta sentenza "implica que se poña fin á discriminación á que durante os últimos anos estiveron sometidas as familias que optan pola escolarización en escolas ordinarias".

O presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, en rolda de prensa. DOWN GALICIA
O presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, en rolda de prensa. DOWN GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta