Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/07/2024 | Actualizada ás 20:06
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) rexeita os argumentos ofrecidos por parte da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) para a subida do canon da recollida de residuos, xa que o achaca á política impositiva do Goberno cental. Así, a Fegamp prevé avaliar toda a documentación en próximos días, coa celebración dunha xunta de portavoces o vindeiro martes, 9 de xullo. Dous días despois concluirá o prazo para que poida presentar alegacións, as cales serán avaliadas polo consello de administración de Sogama o día 17. Unha vez feito isto, fará a súa proposta final de canon para este ano á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que será o departamento encargado de aprobalo.
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o seu homólogo en Sogama, Javier Domínguez, mantiveron este xoves unha reunión na sede da federación municipalista, en Santiago de Compostela, para abordar a subida do prezo a 66 euros por tonelada de residuo recollida. Domínguez, que estivo acompañado do secretario xeral técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda, David Cabañó, insistiu en que esta decisión se adoptou despois de que a sociedade pública rexistrase en 2023 unhas perdas económicas por máis de 18 millóns de euros.
Deste 'buraco' culpa a "as últimas medidas adoptadas" polo Goberno central. Detallou que o imposto aos vertedoiros e a incineración "traduciuse para a entidade pública empresarial nun desembolso de 9,1 millóns" o ano pasado. De feito, lembrou que Galicia alegou "sen éxito" contra a creación do novo gravame. Xunto a isto, o presidente de Sogama mencionou a eliminación da retribución que percibía a sociedade polos investimentos na súa planta termoeléctrica, da que a Xunta defende a súa "eficiencia" e "sustentabilidade", así como a "recuperación" do imposto do valor da enerxía léctrica e a diminución da retribución da planta de cogeneración de Cerceda.
A FEGAMP REXEITA ESTES ARGUMENTOS
Con todo, estes argumentos non convenceron á Federación de Municipios e Provincias. Sobre o imposto de vertedoiros e incineración, esta entidade lembra que o tributo foi cedido ás comunidades autónomas e que, con el, a Xunta prevé ingresar este ano máis de 12 millóns de euros. Por tanto, Alberto Varela solicitou na reunión con Sogama unha "aclaración sobre esta controversia", porque a subida do canon "non pode xustificarse deste xeito". O presidente da Fegamp tampouco ve "correcto" falar de que a Xunta achegará 9 millóns de euros ao fondo de cooperación local cando o mesmo é "o financiamento que reciben" os propios concellos dos ingresos da Comunidade Autónoma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.