Miguel Anxo Fernández Lores ante o congreso da UPG: "Isto non é cuestión de persoas. É de proxecto"

O alcalde de Pontevedra destaca a importancia da Unión do Pobo Galego para configurar a liña política do BNG. Tamén lembra a volta ao BNG de dirixentes como Beiras ou Martiño Noriega dos que din que son "benvidos, sempre e cando respecten á maioría".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/07/2024 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

"Que a UPG sexa unha forza política que centre ben as mensaxes, a liña política, porque sempre estivo aí como unha forza política de referencia e cumpliu e cumple unha función moi boa, independentemente de cando estás gobernando que tes que adaptarte á realidade existente e ser máis pragmático". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, militante da UPG e do BNG ten claro a importancia dunha formación que é o motor actual do nacionalismo galego.

Miguel Anxo Fernández Lores con Néstor Rego nun acto do BNG
Miguel Anxo Fernández Lores con Néstor Rego nun acto do BNG | Fonte: Bloque

Precisamente a Unión do Povo Galego (UPG), o partido hexemónico dentro do Bloque Nacionalista Galego, celebra este domingo na Cidade da Cultura o seu XVI Congreso, co que conmemora 60 anos da súa fundación no mellor momento histórico a nivel electoral do nacionalismo galego. Baixo o lema '60 anos de loita polo socialismo e a soberanía da Galiza', a organización de ideoloxía marxista leninista fundada en 1964 que encabeza na actualidade o deputado no Congreso Néstor Rego reúnese para actualizar os seus postulados políticos e renovar a súa dirección.

Nun avance dunha entrevista realizada con Galicia Confidencial, Lores destaca que os principais valores da UPG son a defensa de Galicia por riba de todo. "Desde o punto de vista ideolóxico eu defendo un país dono de seu, con plantexamentos sociais, igualitarios. Por iso, coido que a UPG cumple unha función importante nisto", asegura.  Para o alcalde pontevedrés, a Unión do Povo Galego é o espírito político do nacionalismo galego. "Logo, xa aparte, como forza política a nivel social está o BNG, que xa demostrou a súa capacidade de gobernar cun proxecto que é positivo para o país", apunta.

NON IMPORTAN OS NOMES, SENÓN OS PROXECTOS

O que si ten claro é que na UPG non importan os nomes, senón os proxectos. Por iso, e a pesar do que teñan publicado algúns medios nas últimas semanas, Lores evita falar dun substituto para Néstor Rego. "Nós non nomeamos substitutos. Imos partido a partido e as circunstancias cambian. Se nun momento dado se necesita unha persoa pois buscaremos á persoa máis axeitada nese momento, como fixemos no BNG con Ana Pontón", indica.

"Isto non é unha cuestión de persoas. É unha cuestión de proxecto, de liña política. Por iso, en cada momento, buscaremos a solución adecuada. Pero ninguén nomea sucesores. Iso debatese dentro da masa social do partido", insiste o líder nacionalista.

A VOLTA DE BEIRAS

Lores tamén lembra a volta de "fillos pródigos" ao BNG, en alusión a Beiras ou Martiño Noriega que, tras deixar esta formación en 2012, crearon Anova, partido que pactou con Esquerda Unida, as mareas e Podemos en distintos procesos electorais. "Tamén hai xente que se foi do BNG e que agora volveu. Considerou que a alternativa que plantexaba non tiña viabilidade neste país. Nós estamos abertos aos que consideran que Galicia é o máis importante e que hai que traballar por un país mellor e por máis capacidade de decisión e competencias", afirma. 

"E toda a xente que se volva a achegar será benvida pero respectando á maioría porque é unha forza política asemblearia que temos reunións cada tempo e debatimos a liña política cada certo tempo", aclara. 

"LOITA POLA AUTODETERMINACIÓN"

Nun comunicado emitido este venres, a UPG reinvidica as seis décadas de "traballo ininterrompido a favor da transformación social de Galicia e da súa independencia nacional" e subliña que, 60 anos despois, a "loita pola soberanía nacional" continúa sendo "clave" para os obxectivos políticos da organización.

De cara ao seu congreso, fíxase como obxectivo actualizar as súas análises sobre a situación política e socioeconómica de Galicia de cara a situar ao movemento nacionalista "nun papel determinante", así como tamén definir a súa postura ante un contexto estatal e internacional que ven marcado pola "crise social e económica" e a "inestabilidade" que provoca "a política belicista impulsada polo imperialismo".

Así as cousas, a UPG quere "robustecer ideolóxicamente" o nacionalismo "reforzando o perfil propio" desde o "cuestionamento" do modelo constitucional e autonómico, á vez que, a nivel interno, márcase como metas "impulsar" o crecemento da militancia e "mellorar" o seu funcionamento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta