O PSdeG critica a Sanidade por reducir a formación dos MIR para conseguir "man de obra barata"

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, lembrou que "Galicia é das comunidades autónomas que ofrece peores condicións laborais aos seus profesionais" e "a que menos paga aos MIR".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2024 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, censurou que a consellería de Sanidade reduza a formación do MIR para conseguir "man de obra barata" durante o verán. Torrado pronunciouse deste xeito ao ser preguntado este venres nunha rolda de prensa pola proposta do departamento autonómico para que os médicos MIR de cuarto ano cubran vacantes durante o verán.

Respecto diso, o dirixente socialista sostivo que "non hai ninguén que estea de acordo" con esta proposta, que cualificou de "problemática". "O que está a propor a Consellería de Sanidade en realidade é que os MIR perdan meses de formación, que non terminen a súa formación e funcionen como man de obra barata. E todo iso a gargallada limpa do conselleiro", censurou. "Parécenos que a consellería de Sanidade, que fala moito de intelixencia artificial e moi pouco de profesionais e de pacientes, pois é bastante máis artificial que intelixente", dixo.

Torrado considerou que o conselleiro debe tratar de buscar solucións e non "pasarse o día tirando do argumento fácil" de "culpar a outros". "Probablemente se nos fixeron caso durante os últimos anos, a solución podería ser mellor", indicou para sinalar que se deben de contratar a máis profesionais, non só a médicos e médicas, para facer unha atención primaria máis ampla que permita ofrecer unhas mellores condicións laborais. E é que, conforme indicou, "Galicia é das comunidades autónomas que ofrece peores condicións laborais aos seus profesionais" e "a que menos paga aos MIR".

"GOBERNO VAGO"

Ademais, na súa intervención, o portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, cualificou de "tristes" os primeiros 100 días da actual lexislatura do popular Alfonso Rueda, ao que describiu como un "presidente continuista" á fronte dun "goberno vago". O dirixente socialista sostivo que o balance destes primeiros tres meses de mandato é "triste e simple" ao tratarse dunha "lexislatura vaga, cun goberno claramente vago". Neste sentido, sostivo que o Executivo galego ten "moi pouca iniciativa política" e limítase a cuestións relativas a "privatizar os recursos naturais", "trasladar problemas aos concellos" e observar a "un conselleiro de Sanidade ríndose constantemente de ter que pechar un centro de saúde".

O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa / PSDEG  / Europa Press
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xullo Torrado, en rolda de prensa / PSDEG / Europa Press

SANIDADE RESPOSTA QUE A ENCOMENDA É "VOLUNTARIA" E "INCENTIVADA"

Pola súa banda,Consellería de Sanidade replicou ao PSdeG que a encomenda aos médicos MIR de cuarto curso para a cobertura de vacantes durante o verán é "voluntaria, incentivada e baixo supervisión" e rexeitou estar entre as comunidades que "peor pagan" aos residentes. Así o sinalaron fontes do departamento autonómico.

Sanidade sostivo que os MIR de cuarto curso xa están licenciados en Medicina e están finalizado a formación na especialidade. Ademais, sinala que, tal e como recolle o seu propio plan formativo e como recoñeceu por escrito o propio Ministerio de Sanidade, "están perfectamente capacitados para desenvolver a súa profesión, polo que non supón diminución algunha da súa formación".

Así mesmo, a Consellería rexeitou que estes médicos sexan "man de obra barata". "Aqueles que decidan axudar, de forma voluntaria e baixo supervisión, como apoio a esa actividade asistencial contarán, loxicamente con incentivos", apuntou. Por tanto, sostén que "esta encomenda é parte fundamental da formación como médicos residentes de último ano e, ao ser un apoio á actividade asistencial, ese labor será incentivada economicamente e incentivando con puntos para a súa carreira profesional".

Ademais, incide en que o Ministerio de Sanidade xa aclarou por escrito o que dicía a Xunta e que é que "o modelo galego de reforzo de verán con MIR de cuarto ano é unha medida prevista e, por tanto, plenamente legal". "Ese plan formativo prevé que o residente de cuarto ano de medicina familiar e comunitaria debe ser capaz de asumir de forma completa e autónoma unha consulta sen presenza de titor", sinalan.

Tras lembrar as medidas implementadas polo Goberno galego para mellorar as condicións dos profesionais sanitarios, Sanidade sostivo que o 'Estudo comparativo das retribucións dos facultativos residentes en España en abril de 2022' realizado polo Sindicato Médico Andaluz "deixa claro que, coas retribucións anuais e incorporando as gardas, as comunidades que peor pagan a todos os seus residentes son sempre as mesmas (Estremadura, Asturias e A Rioxa)".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta