O PSdeG reclama a cobertura das prazas de pediatría nos centros de saúde e que se reduzan as listas de espera

Os socialistas galegos denunciaron que, tal e como denunciou esta semana a Plataforma SOS Sanidade Pública, "xa pasan dos 200 os concellos que carecen de atención especializada para as nenas e os nenos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2024 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

O PSdeG volveu reclamar á Xunta a cobertura das prazas de pediatría existentes nos centros de saúde e que se reduzan as listas de espera para consultas. Segundo informou nunha nota de prensa, os socialistas galegos denunciaron que, tal e como denunciou esta semana a Plataforma SOS Sanidade Pública, "xa pasan dos 200 os concellos que carecen de atención especializada para as nenas e os nenos".

Neste contexto, a deputada socialista Carmen Rodríguez acudiu ao centro de saúde de Pereiro de Aguiar onde, segundo denuncia, non se están cubrindo as vacantes ou non contan con pediatra. Alí, relatou, as familias levan esperando desde fai catro anos a que se cubra a especialidade para que "os máis de 800 nenos do municipio non teñan que desprazarse fóra del para que os vexa o médico".

Por iso, Rodríguez Dacosta lembrou que foron "múltiples" as reivindicacións do PSOE para a posta en marcha do servizo de pediatría nun municipio "no que a poboación segue crecendo". Así, a parlamentaria cualificou de "crítica" a situación, dado que as familias "deben desprazarse ata o centro de saúde da rúa ourensá Valle Inclán, que está completamente saturado". Avanzou que o grupo socialista no Parlamento galego presentará unha serie de iniciativas co obxectivo de que a Xunta "cumpra a promesa de Feijóo e O Pereiro de Aguiar teña dunha vez por todas ese pediatra que tanto necesita".

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta e a portavoz municipal dos socialistas no Pereiro de Aguiar
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta e a portavoz municipal dos socialistas no Pereiro de Aguiar | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta