Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2024 | Actualizada ás 15:08
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu este luns que será "complicado" chegar a acordos co BNG despois de que a UPG reafirmase no seu congreso deste fin de semana que as súas prioridades políticas pasan por "comunismo, independencia e monolingüismo", unhas prioridades que "casan mal" coas propostas da Xunta.
Así o trasladou o titular do Executivo galego na rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta e a preguntas dos medios. Segundo manifestou Rueda, como presidente da Xunta gustaríalle chegar a acordos e ao consenso, pero teme que "vai ser complicado" tras constatar que "a UPG é o BNG cando se quita a maquillaxe e o 'Photoshop' da campaña electoral".
Respecto diso, sinalou que "o que negaban en campaña electoral" reforzárono no congreso do pasado fin de semana, no que se reelixiu como líder da UPG (forza hexemónica no bloque nacionalista) a Néstor Rego. "A súa primeira prioridade política é a independencia", subliñou e censurou a "insistencia en fixar ideológicamente conceptos na xente, case lavar un pouco ideológicamente o cerebro das persoas para que queden fixados os postulados nos votantes do BNG".
Aínda que apuntou que, quizá as voces máis visibles da formación tentarán "suavizar" o trasladado no congreso da UPG, o que se acordou quedou "clarísimamente ratificado". "É o de sempre, blanqueado en campaña e agora sen 'Photoshop' e sen maquillaxe", engadiu.
"Oxalá que todo iso non impida chegar a acordos polo ben de Galicia, pero témome que cando a finalidade é o comunismo, a independencia, o monolingüismo e fixar posturas ideolóxicas nas persoas para asegurar o voto, iso casa moi mal coas propostas do PP e da Xunta. Aínda así, eu non renuncio a chegar a acordos", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.