A Illa da Toxa en horas baixas: de ser referencia do turismo termal ao peche progresivo de negocios

O primeiro propietario da illa foi o marqués José María Riestra López, que cando se deu conta das propiedades mediciñais das súas augas, decidiu abrir nela un balneario Illa da Toxa en 1840, unha illa que coñeceu mellores tempos.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 27/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Illa da Toxa é un deses lugares que todo galego coñece pero onde vai ben pouco porque sabe que está deseñado por e para o turismo. Así, a día de hoxe esta illa quedou convertida nunha especie de parque temático no que viaxeiros de elevado poder adquisitivo poden permitirse pagar os 400 euros ou máis que pode chegar a custar unha noite de hotel en tempada alta. A maior parte dos visitantes chegan á illa interesados polo luxo e polo poder das súas augas termais, pero son poucos os que se deteñen a coñecer a verdadeira historia que hai detrás da creación da illa. Hoxe en día non se pode dicir que estea vivindo o seu momento de máximo esplendor, pois hai moitas zonas que se atopan descoidadas e moitos establecementos de hostalaría e comercios pechados. Semella que os seus mellores tempos xa pasaron e, aínda así, os prezos seguen subindo.

Illa da Toxa
Illa da Toxa | Fonte: turismo.gal - Arquivo

A Illa da Toxa como tal é unha pequena illa de pouco máis de 100 hectáreas de terreo situada na ría de Arousa, dentro das Rías Baixas, e pertencente ao Concello do Grove. Aínda que segundo os datos do censo de 2022 hai 89 habitantes, boa parte da illa está enfocada cara o turismo, con distintos complexos hostaleiros, bloques de apartamentos, campo de golf, numerosos comercios e un casino. Trátase dunha das illas máis coñecidas por ser un centro termal, onde ademais de balnearios tamén está a famosa e antiga fábrica de xabóns e cosméticos La Toja. A poboación flotante da illa, ocupando as prazas hoteleiras e segundas residencias, máis os traballadores dos diferentes establecementos, é moito máis alta durante o verán.

Comezando polo principio, como chegou esta illa a ser o que é hoxe en día? O primeiro propietario da illa foi o marqués José María Riestra López, nado en Pontevedra o 8 de setembro de 1852 e finado na mesma cidade o 17 de xaneiro de 1923, empresario e político galego, o que, cando se deu conta de que na illa había augas mendicinais de gran valor para tratar e previr enfermidades, decidiu construír o balneario da illa da Toxa. En 1840 constrúese o primeiro balneario e en 1899 o marqués levanta o Gran Hotel, que abriu as súas portas en 1907. A súa fortuna estaba baseada en propiedades territoriais, a fábrica de tellas e ladrillos de Caeira (Poio), a banca Riestra e as xestorías de cobros de foros, entre outros negocios, e na illa hai un busto en bronce que o lembra. Ao redor dese hotel creceu todo o demais. Hoxe por hoxe, o Balneario do Eurostars Gran Hotel e o Talaso do Louxo son dous dos Centros de Saúde e Benestar máis destacados das Rías Baixas. A maioría dos seus tratamentos naturais baséanse nas propiedades da auga mariña e na talasoterapia e calquera persoa pode beneficiarse dun día nos seus 'spas'.

NA IDADE MEDIA A ILLA ERA USADA PARA PASTOREAR O GANDO POLOS LOCAIS

Pero a illa non sempre foi privada, de feito, na Idade Media a Illa da Toxa tería contado con abundantes salinas, como se menciona nos documentos da época. Posteriormente foi usada polos veciños do Grove como lugar de pastoreo do seu gando e tamén para as tarefas agrícolas, así como para a obtención de madeira. Conta a lenda que o descubrimento das peculiares características das súas augas debeuse á casualidade: tras o abandono na illa dun burro desahuciado polo seu dono por problemas na súa pelaxe; pasado un tempo, cando o dono volveu comprobar a sorte do asno, e para a súa sorpresa, atopouno en perfectas condicións. Non sería ata a aparición do Gran Hotel que se construiría a ponte da Toxa, que unía a illa coa península do Grove, e cuxa construción finalizou no ano 1910. Naqueles anos tratábase da ponte máis larga de Europa das súas características, cuns 400 metros de lonxitude. Hoxe por hoxe, é superada amplamente por moitas, por poñer un exemplo, a ponte da Illa de Arousa ten 1.980 metros.

Ata o século XIX a illa foi coñecida como illa do Louxo, de aí que un dos seus mellores hoteis hoxe por hoxe se chame Hotel Louxo. Este topónimo tamén se mantén nos nomes da Enseada do Louxo e Praia do Louxo. Unha teoría filoloxicamente arriscada de Francisco Otero Goday faino proceder duns peixes chamados 'ouxos' que abundaban na zona, de xeito que a orixinal 'illa dos Ouxos' sería pronunciada 'illa do-louxos' e evolucionaría finalmente na illa do Louxo. No centro da illa aínda se conserva virxe un denso piñeiral, o chamado 'Monte central'. Así, a illa está repartida en 32 hectáreas de urbanizacións (a súa parte sur e os flancos oriental e occidental), 25 hectáreas de campo de golf (toda a súa parte norte) e 25 de piñeiral virxe (no centro da illa). Nese piñeiral hai unha área de xogos para os máis pequenos coñecida como Aldea dos Grobbits, inspirada nas casiñas dos Hobbits ideados por J.R.R. Tolkien; e tamén unha área de pastoreo de burros.

A SÚA CAPELA É A ÚNICA EN EUROPA RECUBERTA AO COMPLETO DE CUNCHAS

Ademais, posúa unha característica capela que non resulta indiferente para os ollos de ningún visitante consagrada a San Sebastián e San Caralampio, aínda que coñecida popularmente como a 'Capela das Cunchas', por estar recuberta completamente de cunchas de vieira nas que a xente adoita deixar escrito o seu nome, por máis que os carteis colocados ante a capela insisten en que non se trata de tradición ningunha. É a única capela que hai no mundo revestida no exterior de cunchas de vieira. Existiu unha ermida anterior, datada do século XII, da que non queda memoria nin constancia da súa posible situación. A zona onde se levanta a actual capela, construída en 1909, era unha salina ata que foi reenchida a comezos do século XX.

A fachada desa capela do século XX non estaba cuberta por cunchas. A ubicación da capela tivo moito que ver na súa transformación: ao estar orientada cara o sur, a igrexa sufría as consecuencias dos fortes temporais e choivas. Para evitar as humidades e o deterioro da estrutura, Anselmo Millán (un albañil local) propuxo o uso dunha técnica tradicional que se usaba nas casas mariñeiras próximas ao mar para impedir que a auga traspasase as súas paredes. Así foi como a Capela de San Caralampio rematou por cubrirse de cunchas de vieira. Ao Marqués de Riestra gustoulle tanto o resultado da parede sur que logo ordenou revestir toda a fachada ao completo. Como dato curioso, destacar que en 1996 esta singular capela acolleu no seu interior a voda de Mariano Rajoy, o expresidente do Goberno.

MOITOS NEGOCIOS PECHAN AS SÚAS PORTAS ANO TRAS ANO

A día de hoxe xa é ben pouco o que queda daquela illa da Toxa que na década dos 80 sorprendía aos turistas. Está vivindo unha progresiva decadencia ano tras ano. O seu edificio comercial colga os carteis de 'se vende' ou 'se alquila' a miúdo e hai poucas tendas que sobrevivan durante longo tempo asentadas. Pola súa banda, o centro comercial aberto con varios postiños de artesanía que no seu momento atraía a centos de visitantes, hoxe semella desfasado e tamén ten locais coas persianas baixadas. Aínda que este ano algúns menos que en anteriores períodos estivais, todo hai que dicilo. O que segue funcionando como atractivo turístico son as bicis a pedais que se poden alugar para percorrer a illa, pois para os turistas resulta algo diferente. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta