Saen as listas de admisión nas carreiras das universidades galegas

Pechada xa a admisión o 41 % dos graos universitarios galegos no primeiro corte, ningún deles na UVigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2024 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) publicou este martes as primeiras listaxes de admitidos nos graos universitarios das universidades públicas galegas. Así, os que fosen convocados poderán matricularse entre este mércores e este xoves.

Das 190 titulacións que haberá en total o próximo curso, 78 (o 41 %) teñen todas as prazas cubertas, aínda que ningunha destas está na Universidade de Vigo (UVigo). Así, as 78 que están xa completas repártense entre as de Santiago (USC) e A Coruña (UDC).

A CiUG, tras este primeiro corte, lembra que só se poden matricular aqueles aspirantes que na Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) alcanzasen unha cualificación igual ou superior á da última persoa convocada, que figura na listaxe da aplicación 'Nerta'.

O primeiro prazo para inscribirse nun grao en Galicia abrirase este mesmo mércores, ás 00.01 horas, e pecharase ás 23.59 da noite do xoves. No caso de que o solicitante apareza convocado nunha titulación que non sexa a súa primeira preferencia, poderá optar por esperar a ser admitido na súa preferida mentres este non peche a admisión. O segundo corte será o vindeiro luns, 15 de xullo.

Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no primeiro día da Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU) / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Estudantes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, no primeiro día da Avaliación para o Acceso á Universidade (ABAU) / Europa Press - Arquivo / Europa Press

TITULACIÓNS PECHADAS NA USC

Por universidades, na de Santiago están xa pechados 47 graos nesta primeira chamada. Nos campus da capital galega, é o caso de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Química, Filosofía, Física, Historia, Historia da arte, Lingua e Literatura Españolas, Galegas e Inglesas, Matemáticas, Medicina, Educación Infantil, Primaria, Pedagoxía, Psicoloxía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Xornalismo, Biotecnoloxía, Criminoloxía, Xestión de Empresas Hostaleiras e Intelixencia Artificial. A estas súmanse os dobres graos en Comunicación Audiovisual e Xornalismo, Dereito e Relacións Laborais, Enxeñaría Informática e Matemáticas, Matemáticas e Física, Química e Bioloxía, Química e Física, Farmacia e Óptica, e Educación Infantil e Primaria.

No Campus de Lugo, xa non aceptan máis alumnos Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Civil, Educación Infantil, Primaria, Enxeñaría Agrícola e Afroalimentaria, Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía (tanto na modalidade presencial como na virtual), e as dobres titulacións en Enxeñaría Agrícola e Forestal, e Infantil e Primaria. As titulacións da USC que pecharon coas maiores notas de corte son o dobre grao en Matemáticas e Física, onde o último alumno en entrar faino cun 13,590 na ABAU; Enxeñaría Informática e Matemáticas, cun 13,252; e Medicina, cun 12,900.

GRAOS COMPLETOS NA UDC

Na Universidade da Coruña, hai 31 graos que pecharon nesta primeira chamada. Na propia cidade herculina, son ADE, Bioloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Primaria, Educación Social, Enxeñaría Informática, Náutica e Transporte Marítimo, Fisioterapia, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Nanociencia e Nanotecnoloxía, e Intelixencia Artificial. En canto ás dobres titulacións, na UDC están completas Bioloxía e Química, Turismo e Ciencias Empresariais, ADE e Dereito, Español e Galego e Portugués, Inglés e Español, e o grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas.

Nas facultades de Ferrol, son Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Naval e Oceánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial. No caso da UDC, as notas de corte máis altas déronse en ADE e Dereito, cun 11,252; en Fisioterapia, cun 11,198; e Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica, cun 11,175.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta