O PSdeG di que Ciudadanos é o “cinto de seguridade” do PP

"Hai operacións da dereita económica para que siga gobernando a dereita política, aínda que o Partido Popular poida perder posicións electorais. Niso, non nos podemos deixar enganar", di o senador Ricardo Varela.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 23/11/2015 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Os socialistas vinculan directamente a Ciudadanos co PP. A pesar de ser dúas formacións que, a priori, non queren desvelar se pactarán logo das eleccións do 20D, o certo é que o PSdeG acusa xa á formación de Albert Rivera de ser o “cinto de seguridade” do Partido Popular.

Darío Campo, presidente da Deputación de Lugo
Darío Campo, presidente da Deputación de Lugo | Fonte: deputacióndelugo.org

Unhas críticas que realizou este luns o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, durante a presentación dos seus candidatos ao Congreso e ao Senado por esta provincia. “Pedro Sánchez preséntase a estas eleccións cun programa real e crible, mentres que a outra opción é votar ao PP, porque outros partidos seguirán coas mesmas políticas de dereitas", dixo en alusión a Ciudadanos.

E nesa mesma idea incidiu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. "A dereita, por moito que se vista de laranxa, en dereita queda", apuntou. Así, destacou que o Partido Socialista presenta "a mellor candidatura que podía levar", porque o que se xoga nos próximos comicios é "se queremos que continúe a dereita ou que volva gobernar o Partido Socialista".

Tamén o número un ao Senado, Ricardo Varela, criticou ese pacto non asinado entre PP e Ciduadanos, e coincidiu con Campos en que o partido de Albert Rivera "é o cinto de seguridade do señor Rajoy", para que "non salga expulsado cando se estrele nas eleccións do 20 de decembro". "Hai operacións da dereita económica para que siga gobernando a dereita política, aínda que o Partido Popular poida perder posicións electorais. Niso, non nos podemos deixar enganar", resolveu.

Pola súa banda, a cabeza de lista ao Congreso, Margarita Pérez, lembrou que na anterior campaña "o Partido Popular presentouse dicindo que o único problema que había era o Partido Socialista", pero "catro anos despois hai menos traballo, son peores os servizos públicos, máis difícil acceder a eles e hai máis desigualdade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta