O conselleiro de Emprego viaxará este mes de xullo a Latinoámerica para potenciar a estratexia de retorno

Prevé promover iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego, unha proposta que oferta postos de traballo aos descendentes de migrantes galegos que queiran establecerse laboralmente en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2024 | Actualizada ás 15:41

Comparte esta noticia

Co obxectivo de coñecer as necesidades da comunidade galega no exterior, reforzar a súa vinculación con Galicia e potenciar a estratexia de retorno, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, viaxará a finais do mes de xullo a Arxentina e Uruguai. Trátase da primeira viaxe con este propósito desde que foi nomeado titular de Emprego, Comercio e Emigración, tras ostentar anteriormente a Consellería do Medio Rural. Diso informou a Xunta nun comunciado, no que explica que, ao longo da mañá deste martes, González perfilou os detalles da súa visita cos delegados da Xunta en Buenos Aires e Montevideo, Alejandro Roberto López e Mª Elvira Domínguez.

Na reunión tamén estivo presente o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen acompañará a González na súa viaxe. Ambos os políticos prevén promover, á súa volta, iniciativas como o Programa Retorna Cualifica Emprego. Unha proposta que pretende ofertar postos de traballo aos descendentes de migrantes galegos que queiran establecerse laboralmente en Galicia.

PROGRAMACIÓN DA VIAXE

Entre as actividades que desempeñará en Latinoamérica, González ten programados encontros con diferentes cargos institucionais, relacionados co emprego, co propósito de establecer sinerxías que beneficien a Galicia, Arxentina e Uruguai con base nas achegas da emigración e o crecemento da economía. Do mesmo xeito, nas súas previsións tamén figuran: manter contactos con empresarios galegos que residan nos países que vai visitar, achegarse a centros e entidades sociais e culturais galegas e asistir a eventos que poñan de manifesto os valores da comunidade.

Recepción aos delegados dá Xunta en Arxentina e Uruguai
Recepción aos delegados dá Xunta en Arxentina e Uruguai | Fonte: CONCHI PAZ

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta