Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2024 | Actualizada ás 13:20
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ironizou este mércores coas "prioridades" de "comunismo e independencia" reafirmadas no XVI Congreso da Unión do Povo Galego (UPG), despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lle reclamara "cumprir a Constitución" co dereito a unha vivenda.
O conclave celebrado o pasado domingo en Santiago pola UPG, que é a facción maioritaria do Bloque, converteuse nun dos temas estrela que empregan os populares durante o pleno desta semana no Parlamento galego. E así foi tamén durante as preguntas orais ao presidente da Xunta. A de Pontón versou sobre a vivenda e afeoulle que "boicotee" as políticas dos concellos nesta materia, como a limitación dos pisos turísticos que tramita Santiago.
Ademais, a líder da oposición criticou a subida do 30% do prezo da vivenda pública, algo que Rueda defendeu como unha medida "lóxica" e "responsable" para incentivar a construción. No entanto, o presidente destacou que o aumento é "menor que noutras comunidades autónomas". Así, quixo diferenciar as "prioridades" da UPG, centradas en "comunismo e independencia", das do Goberno galego, entre as cales situou á vivenda.
Durante a sesión de control ao presidente da Xunta, Pontón afeoulle que nos últimos anos, a pesar de dicir "que ían construír 870 novas vivendas de promoción pública, construíron só 40". Mentres en Europa o parque público alcanza o 9 por cento do total, en Galicia é do 0,3. Isto é "unha realidade" que, a xuízo de Pontón, o Executivo autonómico e o PP "pretenden tapar con propaganda e titulares".
"Esa é a política do PP: a especulación antes que o dereito a unha vivenda", insistiu Pontón, quen tamén lle afeou a subida do 30% no prezo que pagará o Goberno galego ás promotoras de pisos e casas de protección oficial: "En que estaba a pensar, nos promotores ou nos galegos que buscan acceder a unha vivenda?".
GUERRA DE CIFRAS
Na súa resposta, Alfonso Rueda negou os datos achegados pola líder do Bloque e cifrou en 2.403 as vivendas públicas --rehabilitadas e construídas-- postas a disposición da cidadanía. "Máis as segundas adxudicacións, iriámosnos ás 5.000", engadiu, á vez que a bancada nacionalista botábase a rir. Ademais, o mandatario recalcou que, a piques de facerse os 100 primeiros días de novo goberno, vai cumprir " un dos compromisos", que é ter xa en "execución 400 vivendas públicas para chegar a 4.000 nesta lexislatura".
Xa tirando de ironía, o presidente dixo alegrarse "moitísimo" de que lle pregunte polas súas "prioridades", entre as cales situou á vivenda, mentres que no XVI Congreso da UPG do fin de semana "quedaron moi claras" as desta formación á que, precisamente, pertence Pontón.
"COUSAS DO NACIONALISMO"
Rueda criticou que nese evento "non" se falou "de vivenda", senón "de cousas do nacionalismo". "Mentres as súas prioridades sexan a independencia de Galicia, o monolingüismo e a imposición ideolóxica, as nosas prioridades son cumprir os compromisos, que a xente acceda a unha vivenda e darlle recursos para que se independicen", esgrimiu.
Por outra banda, Pontón acusou á Xunta de "amparar ilegalidades" ao permitir o rexistro das vivendas de uso turístico (VUT) que non contan con licenza municipal en Santiago, 761 en toda a cidade. Sobre isto, Rueda dixo de "facerlle sitio" no rexistro para "as 8.000 que vai dar de alta o Concello" coa súa propia regulación, que permitirá esta actividade durante dous meses ao ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.