Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2024 | Actualizada ás 17:23
Os distintos concellos da área metropolitana de Ourense reuníronse este mércores na Deputación Provincial para, nunha comisión político-técnica, comezar a desbloquear o transporte entre as distintas zonas. Todos os grupos políticos representados (PP, PSOE, DO e BNG) mostraron consenso e "vontade unánime" para chegar a un transporte colectivo na comarca.
"Foi unha reunión extraordinariamente positiva, todos queremos o transporte metropolitano e estamos de acordo nos pasos que hai que dar", resumiu á saída do primeiro encontro o presidente provincial, Luís Menor, quen presidiu a reunión. Á reunión tamén asistiu o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, os representantes dos grupos políticos na Deputación, e os alcaldes dos concellos que se verían beneficiados: Amoeiro, Cenlle, Barbadas, Coles, Ourense, Paderne, Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Punxín, San cibrao das Viñas, Toén Vilamarín e Taboadela.
Trátase dunha demanda histórica polo que o presidente provincial enxalzou a coincidencia de todos os participantes no "afán de avanzar", aínda que con cautela "para non crear expectativas" que poidan frustrar aos cidadáns e sen perder o foco en que "terá unha gran transcendencia social e económica" porque nun radio de "10 ou 15 quilómetros satisfaría a case a metade dos veciños da provincia, a ao redor de 150.000 persoas".
Na mesma liña de optimismo e satisfacción mostráronse os portavoces do Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego, Álvaro Vila e Xose Manuel Puga, respectivamente. "Habendo vontade de concellos, Xunta e Deputación os problemas técnicos que poida haber ímolos a solucionar, e o transporte metropolitano será unha realidade máis pronto que tarde", enxalzou Vila, que é tamén rexedor de Taboadela.
O socialista lembrou ademais que a iniciativa de crear áreas metropolitanas para o transporte, na contorna de todas as cidades galegas, xa xurdiu nos 90 e fíxose realidade na Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo e Lugo, pero en Ourense a situación non tivo avance.
"Quedou relegado co agravio comparativo que isto supón, pero é o momento de impulsar o transporte metropolitano a través da acción coordinada dos grupos da deputación, a Xunta e os concellos", subliñou o portavoz do PSOE ourensán.
Pola súa banda, o portavoz do Bloque Nacionalista Galego na Deputación, Xose Manuel Puga garantiu "total colaboración" para que este transporte salga adiante, "porque todos coincidimos en que queremos o mellor servizo" e para iso, dixo, "todos temos claro que máis pronto que tarde debemos darlle saída".
Así pois, nesta primeira reunión puxéronse deberes e falaron da posibilidade de facer extensión de liñas desde a cidade a lugares próximos, sen que se alteren as prestacións actuais, así como coordinarse co transporte da Xunta.
Para que sexa posible, todos os concellos implicados quedaron emprazados ao 1 de setembro, data límite para achegar un documento coas súas necesidades concretas, ben sexan extensións ou novas liñas complementarias.
No caso concreto do concello da capital, onde goberna Democracia Ourensana, o rexedor municipal, Gonzalo Perez Jacome, non acudiu á reunión, senón que o representou o edil e deputado Rafael Martínez Cachafeiro, encargado de expor que o prego para a concesión do servizo de transporte urbano de viaxeiros xa está redactado e actualmente atópase en intervención municipal, segundo explicou Menor. Trátase dun paso "importante" porque actualmente o transporte urbano da cidade atópase "en precario", coa concesión "caducada e pendente dunha nova contratación", así que é "imprescindible" para que sexa viable a implantación do transporte na área metropolitana.
Na juntanza mantida tamén se abordou o condicionante económico-técnico para desbloquear burocráticamente este proceso e analizar en profundidade a súa repercusión económica, por iso era necesaria a participación de técnicos especializados nesta área, tanto da Deputación como do concello de Ourense. A maiores aludiron á posibilidade futura de comunicar liñas coa alta velocidade ferroviaria, "o gran referente de mobilidade da provincia", subliñou o presidente provincial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.