Recollida de firmas para levar ao Parlamento unha reforma da lei de medios contra o "secuestro" da CRTVG

Empregados do ente, BNG e PSdeG, entre as organizacións que impulsarán unha iniciativa lexislativa popular que requirirá de 10.000 rúbricas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2024 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O Comité de Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), partidos políticos, sindicatos e asociacións, entre os que se atopan o BNG, PSdeG, CCOO e A Mesa pola Normalización Lingüística, impulsarán a partir de setembro unha recollida de firmas para levar ao Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular (ILP) coa que modificar a actual lei de medios públicos de comunicación audiovisual.

Representantes destes colectivos reuníronse este xoves na libraría Couceiro en Santiago para presentar o texto desta proposta coa que buscarán acabar co "secuestro" ao que, ao seu xuízo, está sometida a CRTVG por parte da Xunta e o PP. A xornalista e portavoz da pluralidade de organizacións que impulsan a iniciativa, Tareixa Navaza, explicou que a súa reivindicación basea a súa razón de ser "no secuestro do Poder Executivo galego da radio e televisión autonómicas".

"Os contidos dos medios de comunicación son representacións simbólicas que afectan á maneira de escoitar e ver da cidadanía... O mandato actual reduce a variedade, o equilibrio e a calidade do conxunto de programacións e servizos audiovisuais destinados aos diferentes públicos", manifestou a representante do grupo.

Nese sentido, Navaza fixo un chamamento aos poderes públicos para que consideren o seu manifesto, destitúan ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e "aposten" pola creación dunha autoridade audiovisual independente que "vele" polo cumprimento na CRTVG das misións de servizo público que propoñen na súa iniciativa.

Na liña das súas peticións, entre os compromisos que se recollen na súa incitativa atópanse promover e defender a identidade de Galicia, da súa lingua e da súa cultura, prestar especial atención á programación dirixida á infancia e mocidade e promover o desenvolvemento dunha produción audiovisual independente.

LANZAMENTO DA ILP

A portavoz concretou que "a proposta se fará pública en setembro", momento no que se dará comezo á recollida das 10.000 firmas que se precisan para poder presentar a ILP ante o Parlamento de Galicia. Así mesmo, desde as organizacións participantes prevese programar encontros, manifestacións e unha campaña mediática coas que achegar a súa proposta á cidadanía.

Membros do Comité de Intercentros da CRTVG e das 40 organizacións participantes antes de comezar a rolda de prensa
Membros do Comité de Intercentros da CRTVG e das 40 organizacións participantes antes de comezar a rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta