Ourense en Común apoiará á candidatura En Marea nas eleccións do 20D

Súmase tamén aos apoios de Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Pontevedra “malia detectar déficits de participación e transparencia na súa construción”.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 25/11/2015 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O grupo municipal Ourense en Común tamén acaba de dar o seu apoio á candidatura En Marea, na que concorren Anova, Podemos e EU, para as eleccións xerais do 20D. Foi tras un referendo asembleario que obtivo máis dous terzos dos apoios.

Asemblea de Ourense en Común
Asemblea de Ourense en Común | Fonte: ourensencomun.info

Os simpatizantes deste grupo municipal consideraron que é “a única candidatura” que pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio.

“O enorme esforzo que supuxo para Ourense en Común como xentes con ampla formación pero sen experiencia na política institucional, a construción dunha alternativa a escala municipal impediu unha participación máis activa nos procesos de confluencia supramunicipal”, apunta este grupo sobre a súa ausencia no proceso de construción da candidatura En Marea.

Con todo afirman que “malia a detectar déficits de participación e transparencia na súa construción só esta representa os valores emerxidos na primavera e pode dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio”. Súmase así aos apoios xa transmitidos por responsables de Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común e Marea de Pontevedra. 

Ourense en Común destaca que as candidaturas de En Marea ao parlamento e ao senado pola provincia de Ourense destacan pola “súa pluralidade” e integran a “persoas moi valiosas e activas como David Bruzos”. Con todo tamén queren deixar constancia que Ourense en Común non foi participe da súa elaboración.             

Por outra banda, esta formación tamén anuncia o seu compromiso para colaborar “de forma proactiva” na futura construción dun espazo de confluencia “amplo, aberto á participación e transparente” para as eleccións ao Parlamento de Galicia do ano 2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 asaboresdobosque

Creo que esta xente de Ourense se equivoca ou está a perder coherencia. Deben esixir que se repitan as votacións. Se non hai transparencia e non participan as bases o proceso está viciado e ten altas doses de corrupción. Se non hai coherencia, honestidade e construcción dende a base que pintan apoiando eso. Xa non lles preocupa o "purismo" e a "carretaxe"?. Canta miseria neste país e despois falan do caciquismo, do baltarismo e das incoherencias dos outros.