Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2024 | Actualizada ás 11:08
A CIG-Ensino denuncia a "estafa" e as "trampas" da Xunta co acordo educativo que asinou cos outros tres sindicatos (CCOO, ANPE e UGT) en outubro de 2023, conforme ao cal se produciron subidas en varios complementos para o profesorado desde o 1 de xaneiro de 2024.
E é que, de acordo cunha orde de confección de nóminas publicada o 15 de xullo no Diario Oficial de Galicia (DOG), a actualización dos salarios públicos un 2%, tras a aprobación por parte do Goberno central, na práctica non se aplicará aos docentes galegos porque as subidas nos mencionados complementos quedan "absorbidas".
Nun comunicado, a CIG --sindicato maioritario no ensino público galega, que non asinou o acordo de outubro de 2023-- sinala que isto é "unha constante desde 1988", polo que non é nin unha "sorpresa" nin unha "interpretación" do asinado. "Era algo coñecido polas partes que deron a súa visto e prace a ese acordo", engade a central nacionalista.
Ademais, esta situación "vaise a reproducir igualmente" nas subidas nos complementos pactadas para os anos 2025 e 2026. Por tanto, a CIG, que propuña unha subida lineal e igual para todo o corpo docente galego, ve claro que a Xunta "enganou" ao profesorado e "comprou aos sindicatos asinantes".
COMPLEMENTOS QUE SOBEN CO ACORDO
O documento asinado en outubro de 2023 supón a baixada do horario lectivo e do cociente de alumnos por clase desde o curso 2024/25, pero tamén recolle aumentos retributivos. En primeiro lugar, elevaranse os sexenios por formación permanente un 5% durante tres anos, ata totalizar un 15% desde o 1 de xaneiro de 2026. Pasados seis anos, esixirase que os profesionais conten co nivel B1 de competencias dixitais.
Tamén subirá o complemento polo desempeño de funcións de goberno --como de dirección-- e de inspección educativa, de ata 60 euros desde 2026. Da mesma maneira, farase de forma graduada: o ascenso será de 20 euros durante durante tres anos. En canto ás funcións de titores, incrementaranse un 20%: un 10% en 2025 e outro 10% en 2026.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.