Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 23/07/2024 | Actualizada ás 22:00
A orografía galega é complicada. Construír infraestruturas como estradas e autopistas na nosa terra non é tarefa sinxela, sendo un auténtico reto para os enxeñeiros de camiños. Os nosos montes e montañas supoñen ter que salvar ás veces obstáculos practicamente imposibles a nivel físico para facer que por unha zona pase un tramo de estrada que, de outro xeito, tería que dar un rodeo que levaría aos condutores a perder moito tempo de traxecto cada día. Algunha vez te fixaches no consumo do teu coche cando vas pola AP-9? Pensa que o tempo de viaxe Santiago-A Coruña é practicamente o mesmo que o de Santiago-Vigo: unha hora. Con todo, percatácheste de que o teu coche consume bastante máis combustible facendo o percorrido ata a cidade herculina que ata a olívica? Hoxe o Galicia Confidencial explícache a que se debe isto. Spoiler: todo ten que ver coa xeografía do terreo e as diferentes altitudes que a autopista ten que salvar nos diferentes municipios polos que pasa.
A cidade de Compostela atópase a entre 200 e 280 metros sobre o nivel do mar. Por exemplo, a zona do Ensanche sitúase a 249 metros sobre o nivel do mar; a de Fontiñas, tamén a 249; pero a de San Lázaro xa está a 298 metros; Vista Alegre, pola súa banda, está a 251; A Choupana cae ata os 215; Conxo quédase nos 200; O Castiñeiriño chega aos 238; a zona do Monte Gaiás acada os 285; e, xa nas aforas, San Marcos chegaría ata os 366, supoñendo así unha excepción ao resto da urbe; do mesmo xeito que o Monte do Pedroso, que chega ata os 446 metros, sendo o punto máis alto da cidade. Para coller o comezo da AP-9 xa temos que subir por enriba dos 300 metros de altitude, pois a autopista, ao rodear a cidade, atópase algo máis alta que a poboación en si. Así, na entrada á AP-9 dende Costa Vella situámonos a 300 metros; a altitude do parque da Sionlla, pola súa banda, chega ata os 320 metros, aínda que na Sionlla de Abaixo a altitude cae de novo aos 250 metros.
Xa poñendo rumbo á Coruña, a primeira parada que podemos facer é na área de descanso de Marantes, situada a uns 300 metros de altitude, é dicir, a unha altitude semellante á do punto de partida. Pasando a vila de Sigüeiro, e ata chegar a Ordes, os desniveis oscilan entre os 230 e os 300 metros. Pero a cousa complícase ao chegar a Ordes, cando hai que comezar o ascenso, un ascenso ata os 350 metros. De feito, logo aínda se segue subindo, tendo en conta que a área de servizo da Ameixeira está situada a 375 metros. O punto máis elevado é o alto da Revolta, onde se chega ata os 400 metros, ao igual que na zona de Castro. Estamos falando de que o coche mantense en subida durante 20 quilómetros continuados, ata chegar a Abegondo, que é cando comeza a baixar. Si que é certo que os 33 quilómetros restantes ata chegar á cidade da Coruña son todo baixada, pois hai que ter en conta que a maior parte da urbe herculina está situada a 9 metros sobre o nivel do mar. Así, pásase polo encoro de Cecebre e o río Mero, a 44 metros de altitude e polo Burgo, que está a 35. Pero tamén hai que ter en conta que un coche non consume o mesmo subindo que baixando, pois para subir sempre hai que ir co acelerador pisado.
Pola contra, de Santiago a Vigo é case todo baixada ao, alo menos, estabilidade. Partindo da entrada da AP-9 que está situada á altura do Milladoiro, a uns 300 metro de altitude, imos baixando. Así, a primeira área de servizo, a área de serizo de Compostela, está a 220 metros sobre o nivel do mar. Padrón, a primeira vila con saída da autopista, sitúase a uns 50-60 metros de altitude. Logo, de aí en diante, o máximo de altura son algo menos de 150 metros antes da saída de Caldas, tamén polo concello de Valga. A área de servizo do Salnés está a algo menos de 80 metros de altitude. E todo o camiño restante se mantén ao redor dos 100 metros de altitude, ata chegar á entrada de Pontevedra, cando se cae en picado ata os 10 metros sobre o nivel do mar, que é a altura á que está situada a cidade do Lérez.
De Pontevedra a Vigo volvemos ascender lixeiramente ata os 100 metros, circulando sempre a altitudes que comprenden entre os 50 e 100 metros. Ao chegar á Enseada de San Simón, antes de cruzar a ponte de Rande, volvemos baixar ata os 0 metros sobre o nivel do mar, algo que resulta lóxico, pois Rande atravesa xusto por enriba da ría de Vigo. De feito, a área de servizo de San Simón, inmediatamente inferior ao cruce sobre Rande, está a uns 20 metros de altitude. Pero logo, unha vez se entra en Vigo, si se comeza a subir dende Chapela ata os 225 metros, ese sería o tramo con máis diferenza de altitude de toda a viaxe, o da entrada na cidade olívica. Se se continúa cara Teis, a altitude sitúase nos 163 metros; e Candeán chega ata os 252. Xa se tomamos a saída cara Tui si que se subiría ata uns 350 metros, á altura de Bembrive.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.