Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2024 | Actualizada ás 16:37
O Concello de Pontevedra activou este venres venres a campaña de publicidade e promoción dos Premios Feroz, os galardóns de cinema e televisión que concede a Asociación de Informadores Cinematográficos de España, que acollerá a cidade nos anos 2025 e 2026. A presentación contou coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, do portavoz do PSOE na corporación municipal, Iván Puentes, e doutros membros da corporación municipal.
O obxectivo desta campaña é divulgar a importancia destes galardóns para a cidade, á vez que se tenta facer partícipe á cidadanía dos premios, nesta primeira fase de promoción. O alcalde asegurou que "os Premios Feroz serán un dos eventos culturais máis importantes xa non só de Galicia, senón do Estado e significa que Pontevedra é unha cidade moderna, unha cidade atractiva".
Lores tamén informou que Pontevedra estará presente no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián para promocionar a gala dos Feroz. Pola súa banda, Rafa Domínguez afirmou "que os Feroz veñan a Pontevedra é un éxito sen dúbida, un éxito no que a Deputación está e estará dentro dunha lealdade institucional mutua". Igualmente expresou o seu desexo de que esta promoción teña tamén un retorno económico e que sitúe á cidade como escenario para futuras rodaxes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.