(Vídeo) Praias galegas que son un tesouro: Cabío, augas turquesas que recordan ás do Caribe sen saír de Galicia

Pertence ao concello da Pobra do Caramiñal e está rodeada de piñeiros cuxo cheiro se mestura co da salinidade do mar.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/07/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Como se se tratase do verdadeiro Caribe, cando o visitante chega á praia de Cabío atópase cunha panorámica idílica: augas cristalinas e de cor turquesa, mansas, sen case oleaxe e con paxariños que as sobrevoan. Ademais, a liña do areal, de forma circular, contén area fina, da que dá gusto pisar con pés, e de cor clariña, o que transmite unha sensación de limpeza digna da bandeira azul que loce no paseo que a bordea. Trátase dun lugar pertencente ao concello da Pobra do Caramiñal que co paso dos anos foi gañando en turistas, ata o punto de que en tempada alta este areal pode atoparse sobresaturado.

Praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal
Praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal | Fonte: Commons

Con 730 metros de lonxitude, Cabío pode dicirse, sen lugar a dúbidas, que é unha das praias máis bonitas e extensas da ría de Arousa. No horizonte pódense observar as inconfundibles bateas que habitan nesta ría e que enriquecen a gastronomía da nosa terra co delicioso marisco, pero tamén a liña de terra da Illa de Arousa. Se queres disfrutar desta panorámica sen estar deitado na area tes moitos chiringuitos nos que tomar un refrixerio con vistas inmellorables. Tamén hai un camping ao ladiño que conta con pistas para practicar diversos deportes e varios lugares de alquiler de kayaks e pedaletas. Todo está pensado para desfrutar ao máximo da estancia. 

Pero o máis marabilloso do lugar é que se atopa rodeado de piñeiros, árbores autóctonas que deixan na praia un cheiro inconfundible que se mestura coa salinidade do mar. Capturar a esencia deste perfume é algo que todos os que pasen por Cabío deberían facer, para poder lembralo cando estean lonxe, pois é 100 % seguro que terán ganas de volver. Tamén compre destacar as rochas que se atopan en ambas marxes da praia e que serven de abrigo fronte aos ventos e o mal tempo

 

 

Praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal
Praia de Cabío, na Pobra do Caramiñal | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta