Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2024 | Actualizada ás 16:22
A Xunta reiterou os principais consellos que se deben seguir ante a subida de temperaturas prevista para esta semana en toda Galicia, recomendacións que se centran, fundamentalmente, na alimentación e na exposición ao sol. O Comité Permanente de Coordinación para as actuacións da Xunta fronte aos efectos sobre a saúde das altas temperaturas, composto polas Consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Medio Ambiente e Cambio Climático; e de Sanidade, recomendan beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Débese evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e bebidas moi azucaradas. Así mesmo, débese priorizar comer verduras e froitas e evitar comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, a Dirección Xeral de Saúde Pública recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que non traspire.
No interior dos edificios permanecerase, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados, utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, aconséllase baixar as persianas e pechar as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderanse utilizar ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa, pódese refrescar o corpo cunha ducha ou cun baño de auga tépeda. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior do edificio débese evitar, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, buscar sombras e, cando se estacione o vehículo, non deixar no interior nin a menores nin a persoas maiores, así como tampouco a animais.
A Xunta pide evitar ir á praia nas horas de máxima calor. Ademais, a Consellería de Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol e utilizar a maior protección posible, nunca inferior a factor 15. Ademais, a Xunta lembra que, no caso de ter parentes ou veciños que viven sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que toman as medidas recomendadas e e que o seu estado de saúde é o correcto.
E é que, conforme lembra, as temperaturas excesivas poden provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, sincope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
AVISOS POR CALOR
Aínda que non se chegue ao nivel de alerta porque está previsto que as temperaturas baixen polas noites, desde Meteogalicia facilita a toda a poboación a información sobre os avisos meteorolóxicos.
Desta forma, este luns, de 15,00 a 21,00 horas, na zona do Miño de Ourense hai aviso amarelo por temperaturas de 36 graos ou máis. Esta zona isotérmica inclúe os Concellos de A Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén.
Para o martes 23 de xullo, de 15,00 a 21,00 horas, haberá aviso amarelo por temperaturas que poden superar os 34 graos no litoral e na zona do Miño de Pontevedra, aviso amarelo por temperaturas que poden superar os 36 graos no sur de Lugo e sur de Ourense, e aviso laranxa na zona do Miño de Ourense por máximas de máis de 39 graos.
O mércores, no mesmo horario, haberá aviso amarelo por máximas que poden superar os 34 graos na zona do Miño de Pontevedra e aviso amarelo por temperaturas que poden superar os 36 graos na zona do Miño de Ourense e en Valdeorras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.