A escuridade que se agocha detrás da fermosa illa de San Simón: fusilamentos, pestes e torturas golpistas

A súa inclusión na lei de memoria democrática "obrigaría a que houbese un plan de usos formalizado e rigoroso que diga o que realmente se pode facer nun lugar da memoria, que debe estar perfectamente significado, visibilizado e promocionado", asegura o voceiro e coordinador do Instituto Galego da Memoria (IGM) Matías Rodríguez de la Torre.

Por Ángela Precedo | VIGO | 11/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A illa de San Simón é un deses lugares que a pesar da súa fermosura agocha un tráxico e escuro pasado. Falar de San Simón é falar de represión e fusilamentos, de mortes de centos de inocentes e de penurias doutros tantos. A crueldade humana non coñece límites e na historia de Galicia, ao igual que na de España, a ditadura foi o máximo expoñente de como as persoas poden pasar por enriba de todo co fin de ostentar o poder e impoñer as súas ideas. Dende o Galicia Confidencial falamos co voceiro e coordinador do Instituto Galego da Memoria (IGM) Matías Rodríguez de la Torre, que nos explica a cruenta historia desta illa que pasou de lazareto a prisión e, a día de hoxe, está a ser explotado polas navieiras sen o máis mínimo interese por parte da Xunta en recuperar a memoria histórica do que alí aconteceu, como unha forma de facer xustiza coas vítimas dunha represión inxusta e antidemocrática.

A illa de San Simón acolle o X homenaxe ás vítimas do franquismo
A illa de San Simón acolle o X homenaxe ás vítimas do franquismo | Fonte: OLALLA LOJO - Arquivo

Antes da idade contemporánea, San Simón xa era unha illa habitada. Os primeiros poboadores coñecidos foron os relixiosos, pois pola illa, a partir da Idade Media, pasaron diferentes ordes: benedictinos, pascualinos, franciscanos... Tamén este lugar foi testemuño de numerosos avatares da Historia na súa enseada: dende a chegada do pirata Francis Drake a arrasar a ría de Vigo ata a batalla de Rande a comezos do século XVIII, no ano 1702, que enfrontou ás armadas anglonormandas e francoespañolas. Precisamente de aquí é de onde parten as aínda hoxe populares lendas sobre os tesouros afundidos nas inmediacións da illa, porque neses barcos viña moita prata de América. O propio escritor Xulio Verne, na súa obra 'Veinte mil leguas de viaje submarino' fala deses tesouros baixo as augas de San Simón. E aínda que ese pasado mítico e lendario da illa é moi importante para Galicia, máis o é o grande valor histórico que encerra a raíz dos acontecementos que nela tiveron lugar en época máis contemporánea.

ÉPOCA DO LAZARETO 

Por unha banda, cómpre destacar a construción a partir do ano 1838 dun lazareto marítimo para albergar nel ás tripulacións que chegaban con síntomas de cólera e pestes que estaban causando elevadas mortandades tanto na ría de Vigo como no resto de Galicia, España e Europa en xeral nos anos 40 e 50 do século XIX. Como nos explica Rodríguez de la Torre, todas as tripulacións que proviñan do Atlántico pasaban consigna no porto de Vigo e recluíanse na illa de San Simón para pasar a corentena. A construción do lazareto demorouse varios anos, entre o 1838 e o 1842, e a partires da súa finalización estivo funcionando como lugar de corentena das tripulacións ata comezos do século XX, aínda que realmente a súa funcionalidade como tal xa se vai perdendo a finais do século XIX. En 1898, por exemplo, acolleu aos refuxiados que proviñan das últimas colonias españolas de Cuba e Filipinas.

Para o voceiro do IGM, foi este uso da illa de San Simón como lazareto o que, sen lugar a dúbidas, propiciou o gran despegue da cidade de Vigo, porque o porto medrou unha barbaridade ante a chegada deses barcos que pasaron consigna en Vigo con milleiros de persoas a bordo. Por iso, a verdadeira pretensión de abrir San Simón foi a conciencia, porque sabían que iso ía levar unha gran riqueza á cidade. De feito, na primeira metade do século XIX Vigo apenas tiña 7.000 habitantes e, en moi breve espazo de tempo, chegou a triplicar a súa poboación. E todas esas edificacións que se construíron en San Simón durante o tempo do lazareto a mediados do século XIX, incluída a ponte de gran valor arquitectónico e racionalista que se usaba para unir as dúas illas (San Antón, a máis pequena, e San Simón, a máis grande), serán empregadas tamén no século XX cando a illa se convirte en prisión e comeza a súa etapa histórica máis escura.

Illa de San Simón, na ría de Vigo
Illa de San Simón, na ría de Vigo | Fonte: turismo.gal - Arquivo

ÉPOCA DA PRISIÓN

Nos primeiros anos do século XX San Simón xa non se emprega como lazareto, de feito mesmo se adica a lugar de recreo para xente adiñeirada de Vigo. Tamén se barallou a instalación nela de diferentes proxectos, dende un aeroporto aeronáutico ata un orfanato, pero realmente non chegaron a frutificar, como di Matías Rodríguez de la Torre. Foi a partires do verán de 1936 cando os golpistas decidiron empregar a illa para recluír nela aos presos republicanos, a maior parte deles presos preventivos. Así, aproveitaron esas construcións do século XIX para albergar aos presos e aos carceleiros. O profesor explica que quen tomou a decisión de empregar a illa para tal fin foi o xeneral ferrolán Severiano Martínez Anido, naquela época coñecido como o carniceiro de Barcelona, polos acontecementos da semana tráxica de Barcelona e as súas actuacións sanguiñentas. Á fronte do cárcere pon como director ao pontevedrés Fernando Lago Búa, un militar colaborador do xeneral Emilio Mola, que estaba en Navarra e fora o auténtico instigador do golpe de Estado xunto a José Sanjurjo.

Deste xeito, o xeneral Búa é nomeado oficialmente primeiro director da 'Colonia Penitenciaria de la Isla de San Simón', que, como nos conta De la Torre, é como a denominaron os golpistas, cando en verdade se trataba dun grande campo de concentración. Pois ao lugar foron dar a partires de setembro e outubro de 1936 milleiros de presos que non estaban xulgados, que eran presos preventivos. Neses primeiros tempos, nos anos de 1936 e 1937 leváronse a cabo na illa as sacas, como se lle denominaba á práctica de pasar un listado pola noite entre os presos que incluía uns 10 ou 12 nomes para levalos a unha lancha chamada 'A Raposa' a agardar pola Garda Civil ou as milicias. O resultado? Ao día seguinte aparecían mortos, fusilados, o que se coñecía como paseados, nas cunetas do monte da Concheira, entre Redondela e Vigo; no campo de Granada, onde está hoxe O Castro de Vigo; ou en Monteporreiro, en Pontevedra. 

Como explica o profesor, esta era unha práctica moi habitual entre os golpistas para amedrentar á poboación e servía para avisarlles de todo o que lles podía pasar se non cumprían co que ditaban os golpistas que estaban acabando co goberno democrático da II República. En San Simón había presos de todo tipo, dende obreiros e xente que apareceu na illa sen ningún tipo de explicación a deputados, alcaldes, sindicalistas e persoas de todas as ideoloxías. Chegou a haber uns 6.000 homes durante o seu período de actividade como prisión. San Simón era en volume o cárcere máis importante da provincia de Pontevedra. Pero como non todo é ouro o que reloce, o xeneral Búa manchouse as mans cunha trama de corruptela urdida xunto ao médico forense Bustelo e a Francisco Rodríguez, un tenente da Garda Civil de Vigo alcumado O Rabioso. Os tres adicábanse a facerlle chantaxe ás familias dos presos pedíndolles cartos a cambio da súa liberdade. Acabaron sendo descubertos e fusilados en Vigo, no campo de Granada, polos propios falanxistas.

As familias estaban dispostas a pagar o que fose necesario para sacar dalí aos seus seres queridos, pois, como asegura De la Torre, os presos vivían nunhas condicións pésimas e de indefensión total, tanto podían ser asasinados en calquera intre como pasar posteriormente pola farsa dun xuízo. As familias si podían ir velos a través dun locutorio situado no peirao da parte leste da illa, que dá cara a parroquia de Cesantes, pertencente ao concello de Redondela, pero tiñan que pagar un lanchón para poder pasar dende a praia de Cesantes ata San Simón en condicións de absoluta inseguridade. E non só había familias da zona de Vigo e Pontevedra, senón que acabaron chegando familias de toda Galicia e de toda España, porque aínda que inicialmente os presos si procedían das prisións de Pontevedra e Vigo, despois acabaron chegando á illa persoas de calquera parte da provincia, logo tamén das outras tres provincias galegas e, finalmente, de todo España.

2.000 PRESOS SIMULTANEAMENTE

De la Torre explica que o momento de máximo apoxeo da illa, cando chegou a estar máis masificada, chegando a albergar simultaneamente a uns 2.000 presos, foi a partir de finais do ano 1936, cando cae a fronte norte de resistencia republicana, e cando levan a San Simón un navío vasco cargado de soldados do exército vasco leal á república, procedendo a meter nas súas adegas a preto de 700 presos, nunhas condicións totalmente infrahumanas, con ratas e pulgas coas que tiñan que convivir nun curruncho infernal; e tamén en 1938, xa rematando a guerra, cando se deron directrices por parte do xeneral Máximo Cuervo Radigales, de que aquelas persoas que estaban xa penando nos seus últimos anos de vida, maiores de 60, 70 e 80 anos de todo o Estado, rematasen os seus anos de condena en San Simón. Así, apareceron na illa uns 1.200 anciáns que tiveron que pasar grandes penurias: vivían en condicións de insalubridade total e con enfermidades como o tifus, ou chegaban a enfermar pola exposición ás condicións de humidade e temperatura dunha illa atlántica, cando eles non estaban acostumados a ese clima, ou por comer ratas ante a falta de sustento. Practicamente levalos a San Simón era condenalos á morte.

O galeguista Evaristo Mosquera, escritor do libro 'Catro anos ao bordo dunha illa', contou como foron os catro anos que alí botou e aseguraba que os presos remataban collendo auténticas indixestións porque se vían avocados a comer berberechos que había nas rochas, porque non lles chegaba a escasa comida que lles daban os seus carceleiros. Nesta época xa final do uso de San Simón como prisión, había días nos que aparecían 12 ou 15 mortos que debían ser logo levados ao cemiterio de Pereiró, en Vigo, a maioría deles de idades xa moi avanzadas. Como apunta o profesor, naquel tempo a illa administrativamente pertencía a Vigo, e iso levou a que o cemiterio de Pereiró se convertese nunha auténtica fosa común na que enterrar á xente que foi morrendo en San Simón en condicións infernais. Segundo as últimas investigacións, na illa puideron morrer máis de 500 persoas durante todo o seu uso como prisión, sen contar a todos aqueles que foron fusilados fóra dela pero procedentes da mesma. Hai escritos que recollen fusilamentos dentro da illa, como un no que seis ou sete persoas que non eran galegas, senón de Asturias e territorios limítrofes, ao caer a fronte norte de resistencia republicana, foran fusilados na parede do osario do cemiterio de San Antón. 

DIFERENCIA ENTRE AS ILLAS DE SAN SIMÓN E SAN ANTÓN

As dúas illas, tanto San Simón como San Antón, usáronse como un conxunto. Xa nos tempos do lazareto, no século XIX, había unha diferenza entre elas porque a illa grande era á que lle chamaban o lazareto limpo, na que ubicaban á pasaxe de primeira categoría e aos altos cargos das tripulacións que chegaban pasar a corentena, así como ao alcaide do lazareto; e na illa pequena metíanse ás persoas que xa estaban practicamente moribundas, para que non mantivesen contacto cos outros. Para mantelas ailladas a ponte funcionaba como separación, cunha esclusa situada no medio e dous grandes portóns a cada lado. De feito, como apunta De la Torre, a illa de San Antón está rodeada de pequenos peiraos propios precisamente para iso, para poder acceder a ela directamente. Este formato de esclusas mantívoo durante o tempo no que foi prisión para o réxime franquista, na illa grande estaban os presos, no edificio máis grande vivía o director da prisión coa súa familia, e na illa pequena estaba o plantel militar que debía vixiar aos reclusos. 

De la Torre destaca que durante o tempo no que se usou San Simón como prisión, establecéronse tamén relacións de solidariedade tanto duns presos cos outros como entre a xente da propia vila e os reclusos. Así, durante o encerro todos os presos mantiñan a súa profesión, o que era zapateiro axudaba aos compañeiros facendo zapatos, o que era barbeiro cortáballes o pelo, o que era mestre dáballes clases... E mesmo o que fora deputado pontevedrés Celestino Poza e o seu fillo, médicos de profesión, atendían como doutores e cos poucos recursos que tiñan ao seu alcance aos seus compañeiros, mesmo cando houbo a epidemia de tifus. E é que na illa debía haber un médico asignado, pero ás veces non había a atención médica precisa e mesmo houbo un tempo no que se puxo a seis monxas ao coidado sanitario. Celestino chegou a ser un patriarca na prisión, unha persoa moi respectada precisamente por esa solidariedade e sapiencia que tiña, coas que axudou a salvar a vida de moita xente. E tamén había solidariedade por parte das mulleres da parroquia de Cesantes, chamadas madriñas, que se achegaban á illa para levarlles mudas limpas e comida aos presos, especialmente aos máis desamparados, que non tiña familia ou a tiñan moi lonxe. Mesmo chegaron a darse matrimonios entre presos e madriñas.

LEI DE RECUPERACIÓN DA MEMORIA DEMOCRÁTICA

Despois de coñecer esta historia tan escura, como é que hoxe por hoxe non hai máis información a disposición da cidadanía e máis homenaxes para lembrar a historia que alí aconteceu? Como é que San Simón non conta co recoñecemento de lugar de recuperación da memoria democrática de Galicia? Pois Matías Rodríguez de la Torre explica que "si houbo tentativas de abrir a illa ao público e que a xente tivese accesibilidade total a ela entre os anos 2005 e 2009, cando era director xeral de cultura Luís Bará e conselleira Ánxela Bugallo". Nese tempo San Simón abriuse ao público e "facíanse actividades, políticas públicas da memoria, organizábanse visitas escolares para contarlles aos estudantes a historia máis contemporánea da illa e chegouse a crear a Fundación Illa de San Simón, na que tamén estaban implicadas as universidades galegas". Con todo, "todo mudou cando chegou á presidencia da Xunta o PP, con Alberto Núñez Feijóo, no ano 2009", asegura De la Torre.

"Nese momento as políticas da memoria en San Simón desaparecen e a Fundación Illa de San Simón tamén, que era precisamente a que velaba pola preservación da historia da illa e porque houbese nela un plan de usos coherente coa súa historia máis recente", explica o voceiro e coordinador do IGM. Dende 2009 o que aconteceu foi "unha banalización total desa memoria, un proceso de vulgarización do significado humano e histórico da illa", que conta tamén co recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) e sitio histórico dende 1999. Hoxe por hoxe, De la Torre lamenta que "está tomada polas navieiras, que practicamente fan nela o que queren, e accede moitísima xente a ela sen ter un coñecemento histórico do que realmente pasou alí, porque sabemos de primeira man que as explicacións que se lles dán aos visitantes son mínimas e ás veces nin sequera se nomea o que realmente alí aconteceu, o cal é un proceso de ocultamento belixerante e buscado, xa non só nas políticas da memoria a nivel xeral en Galicia, senón na propia illa, sabendo que é un símbolo da recuperación da memoria e do que se pretende que sexa o fin da impunidade para o fascismo".

PERVERSIÓN DOS USOS DA ILLA: DE FESTIVAIS A CLASES DE IOGA

Para o coordinador do IGM resulta tráxico e unha aberración que "se pervirtan de tal forma os usos da illa que alí acaba celebrándose todos os anos un festival de concertos con intereses económicos e mercantilistas detrás, buscas do tesouro, campamentos de todo tipo, clases de ioga e pilates e todo aquilo que non signifique recuperar a memoria democrática e a verdade do que nela aconteceu e todo o que signifique non facer xustiza en San Simón, coa finalidade de reparar o dano causado ás vítimas e ás súas familias". "É un proceso de ocultación total", lamenta, e afirma que a Xunta "só bota unha man, supoño que xa por vengonza, nunha homenaxe que cada ano se segue celebrando en recordo das vítimas, aportando o catamarán de acceso e o equipo de son". "É unha falta de humanidade total, porque ten que ser a sociedade civil, por medio das asociacións da memoria, a que loite porque esa homenaxe se leve a cabo, non sae da propia Xunta", asegura De la Torre.

Na súa loita incesante por declara a illa como lugar da memoria democrática, De la Torre asegura que "cumpre estrictamente os artigos 49, 50, 51 e 52 da lei de memoria democrática, que son os que claramente definen o que é a memoria e os usos que debe ter". A xestión da illa de San Simón foi unha concesión do Estado á Xunta para que fose a administración autonómica quen se encargase da súa xestión, e a súa inclusión na lei de memoria democrática "obrigaría a que houbese un plan de usos formalizado e rigoroso que diga o que realmente se pode facer nun lugar da memoria, que debe estar perfectamente significado, visibilizado e promocionado". E, por suposto, debería abrirse ao público, "cousa que non se está facendo" se non é a través do pago.

Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista
Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista | Fonte: Deputación de Pontevedra - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

O avó dun amigo deixou unha carta enviada dende San Simón de cando chegou á illa no 1938 a bordo do Upamendi e describía as condicions inhumanas do barco. Para eles chegar a San Simón foi algo esperanzador... De feito este home regresou a Euskadi moi flaco pero vivo... Galicia non foi tan mala coma a pintan para algúns...

1 Sentidiño

Iso non era Galicia. Era unha provincia tomada pola forza polos golpistas, logo de asasinar os gobernadores democráticos e os principais alcaldes. Eu non chamaría Gañicia ps paredóns dos cemiterios, nin as cunetas.

2 Gamela

Retorcer a Historia non cambia o resultado. Seica os mandos do Upamendi non tiñan escrúpulos cos prisioneiros de abordo. E cando estes mesmos prisioneiros arribaron a San Simón veron unha raiola de luz... Que eu saiba a illa de San Simón está en Galicia!