Informática, francés ou mécánica entre as prazas máis desertas nos procesos de oposición

CIG-Ensino di que as prazas de oposicións desertas mendran o 12% na quenda libre de ingreso.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/07/2024 | Actualizada ás 10:42

Comparte esta noticia

Na convocatoria do 2024 as cifras e porcentaxes de prazas desertas nas oposicións docentes dispáranse ao respecto da ano anterior tal e como denuncia CIG-Ensino. Unha vez rematados os traballos dos tribunais e tendo en conta o reparto final de prazas de persoal inicialmente aprobado sen praza entre os tribunais da súa especialidade, a CIG-Ensino computa un total de 162 prazas desertas na quenda libre das oposicións de ingreso a corpos docentes, o que representa un total do 12% das prazas ofertadas, cando no ano 2022 as prazas desertas foron o 7%. Nestas mesmas oposicións quedan desertas o 79% das prazas da quenda de discapacidade, un total de 84 prazas sobre as 106 ofertadas. 

Oposicións de Enfermaría do Sergas
Oposicións de Enfermaría do Sergas | Fonte: Europa Press - Arquivo

No caso das oposicións para cambiar de corpo docente, pasando do subgrupo A2 ao A1, repítese o mesmo panorama que se vén dando desde hai máis dunha década e que levou á CIG-Ensino a reclamar insistentemente un cambio normativo que posibilite que unha parte desas prazas se acumulen á quenda libre. Nada máis e nada menos que un 82% das prazas libres de cambio de corpo e o 100% das prazas para persoas con discapacidade quedan sen adxudicar, en cumprimento da Lei do Emprego Público de Galiza, que por un lado obriga a que o 25% das prazas se reserven para estas prazas mais non impón ningún  límite para poder acumular as desertas. Neste sentido, a CIG-Ensino xa presentou hai meses unha proposta clara a Educación: poder acumular as prazas que superen o número de persoas presentadas. 

"O cambio legal no criterio para acumulación de prazas da quenda de discapacidade, fixado por varias sentenzas que obrigan a Educación a aplicar a Lei do Emprego Público, provoca que todas as prazas que quedaron desertas neste proceso non se poidan acumular, como viña sendo habitual, á quenda libre. Isto é así ao non se ter cuberto unha cifra igual ou superior ao 3% do total das prazas da oferta de emprego", din desde o sindicato. No caso das prazas de ingreso libre ofertábanse 1512 prazas polo que deberían terse cuberto 45 prazas da quenda D para que o resto se puidesen acumular e tan só se deron 22. 

No estudo realizado pola CIG-Ensino, no que se fai un seguimento de todos e cada un dos tribunais cabe destacar que a maior porcentaxe de prazas desertas se dá nos corpos de PES e  PESSFP (cun 16% e 15% de prazas desertas respectivamente). Por especialidades as que deixan un maior número de prazas sen cubrir son, por esta orde: Sistemas e Aplicacións Informáticas, Informática, Francés (Primaria), Procesos de Xestión Administrativa, Equipos Electrónicos, Tecnoloxía e Organización e Proxectos de Fabricación Mecánica. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta