Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2024 | Actualizada ás 21:00
Falar, vivir e gozar en galego. Ese é o principal obxectivo de neofalantes.gal, un portal web que botou a andar hai tres anos para unir, arredor do galego, a toda a comunidade de neofalantes, e tamén aos que xa son falantes nativos.
Desde entón, publicaronse case un cento de vídeos con experiencias de neofalantes galegos de case 20 países, pero tamén do resto do Estado e, sobre todo, de Galicia. Xente moza e non tan moza que, aínda que mamou o castelán como primeira lingua descubriu ao longo da súa vida a importancia de volver ao idioma orixinal dos seus antergos. A web vai destinada, sobre todo, a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades, e a aqueles que queren achegarse ao galego sendo galegos, españois, norteamericanos, franceses ou alemáns.
A principal premisa de neofalantes.gal é impulsar e valorizar o neofalantismo. Esa foi a primeira etapa dun proxecto que acaba de entrar na súa segunda fase; a de tentar, agora, vincular o galego co mundo da empresa e da lusofonía. A finalidade, prestixiar o noso idioma e convertilo, tamén, nunha lingua de negocio. E, para iso, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Xunta de Galicia asinaron este mércores o convenio que dará continuidade a este proxecto.
REDES SOCIAIS
Un proxecto que se realiza a través do grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación e que está dirixido polos profesores Xosé López e Xurxo Salgado. O portal conta con varias seccións; historias e experiencias de neofalantes, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas e cousas interesantes en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais conta cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas novas redes sociais da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Tuiter. De feito, no último ano o alcance global de Facebook e Instagram no último ano é de 107.000 usuarios e en Tik-Tok, de case 160.000.
Nesta segunda fase, o grupo traballa na posta en marcha dunha ferra menta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante para favorecer a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego.A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios que aprenderan galego ou queiran aprender galego e vivan no estranxeiro con empresas de Galicia. Farase especialmente incidencia co mundo lusófono.
SINATURA
O reitor da USC, Antonio López Díaz, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, foron os encargados de asinar este mércores o acordo. "'Neofalantes.gal' é unha ferramenta que sempre vai na liña de seguir apostando pola nosa lingua e a nosa cultura, e queremos seguir reforzando o noso compromiso con iso", comentou o reitor.
Na mesma liña, o conselleiro Jośe López salientou a importancia que teñen os novos falantes en galego para manter e potenciar o noso idioma e lembrou que, desde que chegou a este departamento, un dos seus principais obxectivos é, precisamente, chegar a un gran acordo polo fomento e uso do galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.