Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 04/08/2024 | Actualizada ás 09:00
Wahid é un neno que con tan só sete anos xa sabe o que é ter case cada día medo a morrer. Vive en Khan Younis, ao sur da Franxa de Gaza, onde a súa familia tivo que fuxir para salvar a vida, tendo que abandonar o seu fogar en busca de seguridade. Con todo, a realidade é que a día de hoxe non existe ningún lugar seguro en Gaza. Nunha entrevista con Unicef para amosar como é o seu día a día, un avión de guerra sobrevoa a zona e Wahid, aterrorizado polo ensordecedor ruído, levántase como un resorte da cadeira, chorando e buscando á súa nai, Hana. O que podería ser un episodio aillado é algo que acontece día si e día tamén.
"Chámome Wahid e teño 7 anos, cando escoito o son dos avións de guerra sinto moito medo e corro cara a miña nai", confesa na súa entrevista Wahid a Unicef. Pola súa banda, a súa nai, Hana, asegura que "cando hai son de avións, tento tranquilizar ao meu fillo: o primeiro que fago é traelo dentro da tenda de campaña, mantéñoo preto de min e abrázoo; tento consolalo xogando con el ou abrazándoo, ata que esquece o son dos avións de guerra". Hana desexa que a guerra remate pronto "e que os meus fillos e eu esteamos seguros e vivos". Wahid tamén conta que "teño amigos cos que me gustaría poder xogar" e o seu soño é ser médico cando sexa maior, para "curar á xente". E é que está vendo de primera man o precisos que son os médicos, observando como día a día hai sufrimento e morte ao seu redor.
A guerra Israel-Gaza, tamén coñecida simplemente como guerra de Gaza ou guerra Israel-Hamás, é un conflito armado en curso que comezou o 7 de outubro de 2023, mentres os israelís festexaban a festa de Simjat Torá e os xudeus que vivían no estranxeiro celebraban o último día da festa de Sucot. Ese día, grupos armados de paramilitares palestinos, principalmente de Hamás e da Yihad islámica Palestina, lanzaron un ataque contra Israel dende a Franxa de Gaza cunha andanada de foguetes e un ataque de comandos en camións, motos e parapentes motorizados. O ataque, denominado 'Operación Inundación de Al-Aqsa', tomou a Israel por sorpresa a pesares de acontecer ao día seguinte do 50 aniversario da guerra de Yom Kipur. Israel respostou pouco despois cunha represalia denominada 'Operación Espadas de Ferro', con bombardeos e incursións militares na Franxa de Gaza.
Os bombardeos que Israel lanzou sobre a Franxa de Gaza dende ese día provocaron a morte de alo menos 39.175 persoas, na súa gran maioría civiles que nada tiñan que ver coa guerra, entre eles 15.000 nenos e máis de 10.000 mulleres (ao redor do 72 % dos asasinados), aos que habería que sumar máis de 90.403 feridos (incluídos 8.663 nenos e 19.000 mulleres) e máis de 10.000 desaparecidos, o que elevaría aínda máis a cifra de falecidos. Trátase da maior perda de vidas humanas desde que se ten rexistro de conflitos entre Gaza e Israel, sendo as mulleres e os nenos as principais vítimas dos ataques israelís. Os corpos destes nenos rematan sendo enterrados en fosas comúns, sen familia, sen nome e sen recordo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.