Por Moncho Mariño | Santiago | 16/08/2024 | Actualizada ás 22:00
A morte de traballadores durante o seu horario laboral por estrés térmico ou “golpes de calor” levou ao Goberno central a modificar o Real Decreto 486/1997, de 14 de abril. Así nacía o Decreto-lei 4/2023 que introducía unha nova disposición adicional de cara á protección dos e das traballadoras que levasen adiante o seu labor en espazos abertos con risco ligado a fenómenos meteorolóxicos adversos como baixas temperaturas ou vagas de calor. A pesar disto, durante a penúltima semana de agosto, CCOO Industria Vigo presentaba unha denuncia diante da ITSS (Inspección de Traballo e Seguridade Social) sobre as condicións laborais en que estaban os cadros de persoal dentro dos estaleiros vigueses, sobre todo naqueles onde aplican horarios partidos baixo condicións de temperaturas moi elevadas. Segundo denunciaba o sindicato, labores como soldadura presentaban un risco elevado de estrés térmico debido ás condicións do traballo: EPIs pesados, calor creado polo efecto da soldadura e o feito de traballaren en áreas pechadas ou estaren expostos directamente ao sol e ás súas consecuencias no verán.
OS RISCOS DO CALOR
“Hai estaleiros na zona de Vigo que non cumpren as normativas, sobre todo aqueles que teñen xornadas partidas onde se traballa durante as horas de máis calor pola tarde” di Celso Carnero de CCOO. “Quen realice un labor de soldadura, por exemplo, debe levar EPIs como son a roupa de traballo, botas especias, mantelo de coiro, casco, máscara protectora, luvas e despois está o calor producido pola soldadura e extar exposto ao calor do exterior”.
As denuncias sobre as malas condicións de traballo baixo ondas de calor ían dirixidas ao traballo en estaleiros da área de Vigo. “Non se cumpren todas as normativas e o caso é que isto leva ao deterioro da saúde e seguridade dos e das traballadoras” sinala Rubén Pérez de UGT FICA. “A actividade laboral no estaleiro e sobre todo en espazos pechados aumenta o risco de estrés térmico e por tanto, de accidente laboral”.
“Os últimos días de xullo foron un suplicio para moita xente, máis para os que traballaban pola tarde en horarios partidos” di Xulio Fernández secretario comarcal da CIG en Vigo. “Moitas empresas queren sacar adiante traballo en horario de tarde cando máis apreta o calor fronte as nosas propostas reclamando que o traballo se faga en horario continuo” de mañá.
“O cambio climático está aquí, por tanto é necesario aumentar as medidas preventivas contra os accidentes laborais produto da calor” sinala Carnero. Aínda así, as empresas teñen protocolos de actuación fronte o estrés térmico que non se cumpren en moitas ocasións.
POR QUE TEMOS ESTA SINISTRALIDADE?
A pesar do dito por Carnero en canto o cambio climático “os empresarios non son conscientes dos perigos relacionados con el e así buscan ritmos de traballo do 120%”. A necesidade de axeitar produción e seguridade levaría, segundo Carnero, a unha redución da primeira en beneficio da segunda mais “isto non é o que quere o empresariado, menor carga de traballo fronte a prevención”.
“Existe unha mentalidade empresarial moi reacia aos cambios mais antes ou despois deberán adaptarse ás reclamacións de seguridade” di Rubén Pérez. Precisamente, a falta de adaptación aos novos usos e ás novas normativas está detrás da perda de profesionais no naval que buscan traballo noutras áreas onde están mellor retribuídos e as condicións de seguridade superan ás do anterior posto de traballo.
“Os principais estaleiros en Vigo derivan moito traballo a empresas auxiliares ou subcontratas e isto afecta ao ritmo de traballo” apunta Xulio Fernández. “A falta de coordinación entre todas as empresas leva ao accidente, o mesmo se prevalece o ritmo de traballo sobre a seguridade”.
Se o sector do naval rexistra riscos elevados de sinistralidade laboral por culpa das vagas de calor e outras condicións climáticas adversas, falta suficiente peso das autoridades laborais para aplicar a lexislación vixente. Isto tamén é algo que denuncian os sindicatos, a falta de persoal de inspección laboral abondo que permita o traballo seguro. No caso galego, sería o ISSGA o que debera aumentar o cadro de persoal e así atender as necesidades en materia de sanidade e seguridade laboral, apuntan os sindicatos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.