Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2024 | Actualizada ás 16:28
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, lamentou este venres que o BNG defenda o sistema electoral de Venezuela como "un dos máis garantistas", despois de que os nacionalistas apoiasen a Nicolás Maduro tras as eleccións presidenciais celebradas no país esta semana. Nunha rolda de prensa celebrada este venres, insistiu na solicitude de transparencia para "coñecer os resultados reais dos comicios", nos que "todo apunta a que os verdadeiros gañadores foron os opositores ao Goberno".
Nesta liña, mostrou a súa sorpresa respecto de que os nacionalistas "sigan saudando a vitoria de Maduro", unha posición na que asegurou que, "están a quedarse sós", despois de que formacións políticas como Sumar ou Podemos pedisen que se fagan públicas as actas das mesas electorais, "unha petición bastante razoable".
Así mesmo, asegurou que a postura dos nacionalistas "descríbeos perfectamente" e lamentou que "as delegacións do BNG que asistiron como observadores internacionais" a estas eleccións "non fosen capaces de decatarse da fraude electoral que o Goberno de Maduro levou a cabo para continuar no poder".
Tamén lles reprochou que acusasen a diferentes axentes do interior e exterior do país de "buscar unha desestabilización social" e lembrou que enviados do Partido Popular a Venezuela, "foron expulsados inmediatamente do país". "Señores do BNG, como ben pon de manifesto no seu comunicado de apoio a Maduro, defendamos a paz, a democracia, os dereitos e rexeitemos a violencia, pero garantindo a total transparencia nas eleccións venezolanas", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.