Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2024 | Actualizada ás 20:12
A Delegación do Goberno en Galicia destacou nunha nota de prensa a creación de 19.744 novas prazas en ciclos formativos de Formación Profesional en Galicia, no marco do Plan de Recuperación. Así o recolle o balance 'Cumprindo', publicado esta semana, que recolle os "compromisos cumpridos" polo Goberno desde o inicio da lexislatura.
Segundo explicou, desde que se puxo en marcha o Plan de Recuperación en 2021, transferíronse á Xunta 23,7 millóns de euros co obxectivo de "crear 23.217 novas prazas en ciclos formativos, 7.000 delas en ciclos bilingües". Nos últimos meses o Ministerio de Educación completou estas transferencias con 10,5 millóns para a creación de 5.613 novas prazas, ata finais deste ano.
Así mesmo, a Delegación apuntou que desde 2019 incrementouse o orzamento destinado á FP "nun 865%", o que permitiu a creación de novas titulacións, así como a modernización do sistema ou un aumento do alumnado.
"Grazas a esta reforma integral, a Formación Profesional ten maior incidencia para a incorporación da mocidade ao mercado de traballo e é unha opción educativa prioritaria para cada vez máis poboación", subliñou. Nesta liña, Galicia rexistrou unha marca de solicitudes de admisión a ciclos formativos de FP, con "máis de 54.000 cursadas".
Ademais, segundo apuntou a Delegación, o Goberno concluíu o desenvolvemento normativo da Lei de Formación Profesional e a implantación do sistema dual de Grao Medio e Superior. Unha modifición que permitirá aos alumnos "formarse no centro e na empresa desde o primeiro ano, con estancias de maior duración e calidade nas empresas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.