Temas: CASTAñAS

Touriñán, pregoeiro na Festa da Pisa de Froxán

A Asociación Cultural Fonte do Milagro celebra como cada ano por estas datas a exaltación da “pisa tradicional” da castaña seca no corazón do Courel.

Por X.M. Fernández | Courel | 05/12/2015 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Ás 11:30 horas farase o simbólico “acendido do sequeiro” para que os presentes poidan coñecer o lugar onde se secaban as castañas a por de horas de lume e fume, e para aproveitar tamén que estean ben quentiñas antes de ser pisadas.

Pisa da castaña
Pisa da castaña

A continuación terá lugar unha merecida homenaxe á Librería Celia de Quiroga, presente sempre cun posto de libros e colaborando nalgunha ocasión coa presentación de obras literarias, e cara as 12:30 horas a demostración da “pisa e abandoxado da castaña”. A pisa consiste en depositar castañas nun saco, collelo entre dúas persoas por ambos extremos e cunha manobra acompasada entre eles golpear o devandito saco contra un tallo de madeira. Co golpeo, a castaña seca sepárase da cáscara rematando aquí a primeira parte do proceso. Despois, baleirase nun bandoxo (bandexa de madeira con asas e aberto por un extremo) o contido do saco para proceder á segunda parte, o proceso coñecido como “abandoxado” no cal unha persoa con forza e moita habilidade ten que ir, a golpe de cadeira, tirando as castañas ao aire e separando a broza e cáscara da propia castaña. Este é un traballo moi vistoso e nada doado de facer.

Ás 13:30 h. e antes do xantar degustación do “menú do pisador” (castañas cocidas con lacón e chourizo)  terá lugar o pregón a cargo do actor e humorista José Antonio Touriñán, seguindo a liña da asociación de traer como pregoeiros a xente relevante do panorama artístico galego que tras ofrecerlles esta “honra” acepten desinteresadamente a proposición.

Ao longo da xornada haberá postos de artesanía e produtos da zona ademais de foliada libre na que se pode apuntar quen o desexe. 

Abandoxado castaña
Abandoxado castaña
Temas: CASTAñAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xosé

Festaza como cada ano !!