Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 13:56
O vindeiro sábado 10 de agosto, ás 20.00 horas, sairá da Praza da Peregrina, en Pontevedra, unha manifestación antitaurina en protesta pola organización de dúas corridas programadas para esa mesma xornada e a do día seguinte no marco das Festas da Peregrina. Touradas fóra de Pontevedra convoca esta mobilización que conta co apoio doutros colectivos animalistas como Irmandade Antiespecista, Loita Raposa e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA).
Os seus representantes compareceron este martes nunha rolda de prensa diante do coso de San Roque para convocar á cidadanía a que participe activamente nesta manifestación na que se lerá un manifesto a cargo de Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e pregoeira das Festas da Peregrina no ano 2021.
"Reivindicamos que a praza da tortura de Pontevedra deixe de existir como tal, que a Xunta e o Goberno central cambien as leis de benestar animal onde exclúen aos touros e por tanto as corridas", afirmou a portavoz de Touradas fóra de Pontevedra, Vicky Estévez. "Isto non ten sentido ningún, en ningún sitio do mundo, e en Galicia aínda moito menos porque non somos un país taurino para nada", engadiu.
A portavoz sinalou que "o activismo de redes sociais é marabilloso, pero é moi importante manifestarse na rúa", polo que fixo un chamamento á cidadanía a participar na protesta. Vicky Estévez tamén informou que nestes colectivos animalistas están "moi contentas" porque, despois de manter unha reunión co Concello de Pontevedra, conseguiron que este ano non se instale publicidade da Feira taurina nas rotondas da cidade.
USO DA PRAZA
Touradas fóra de Pontevedra insta tamén o Concello a renunciar ao uso da praza de touros durante os festexos da Feira Franca, sinalando que existen suficientes ideas alternativas ao emprego deste recinto. Ademais, tamén están en contra do torneo medieval porque "o que se fai aquí tamén é malos tratos de cabalos", xa que participan eses animais no espectáculo da xusta.
Neste sentido, argumentaron que con esta ocupación do coso durante unha xornada xustifica o goberno local manten un contrato de arrendamento. Aínda que recoñecen que se trata dunha cantidade que non permite financiar as corridas na súa totalidade, recalcan que "canta máis presión se faga cortándolle o diñeiro, estará ben" e lembran que Pontevedra se declarou como municipio "antitaurino" en 2018.
O venres, na véspera da manifestación, organizarán unha vixilia "para concienciar e informar á xente" e o sábado, antes do inicio da marcha, tamén na Praza da Peregrina, estes colectivos recollerán firmas para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que quere derrogar a Lei 18/2013 de patrimonio cultural da tauromaquia. A principios de febreiro, a Mesa do Congreso admitiuna a trámite e agora dispoñen de nove meses de prazo para reunir un total de 500.000 firmas co fin de que se poida iniciar a súa tramitación na Cámara do Congreso dos Deputados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.