As medusas, un termómetro para medir os efectos do cambio climático

A aparición de medusas no litoral en cantidades máis elevadas do habitual podería ter relación directa con cambios dentro das augas oceánicas. Así o interpretan algúns expertos, que a variación da temperatura das augas mariñas estaría cambiando hábitos de fauna e flora no mar

Por Moncho Mariño | Santiago | 17/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Exemplar de medusa recolleito na area da Praia de Razo, en Carballo
Exemplar de medusa recolleito na area da Praia de Razo, en Carballo | Fonte: Europa Press

SÍNTOMA DUN MAR ENFERMO?
As causas detrás dun aumento elevado da poboación de medusas nun lugar ou nunha área mariña son diversas. Por unha parte están os factores climatolóxicos como o descenso das precipitacións de auga doce que logo ían parar ao mar. Isto fai que a densidade da auga litoral e a auga en mar aberto sexan case iguais permitindo a entrada destes animais empurrados polo vento. A isto súmase o aumento da radiación solar sobre a auga, aumentando a temperatura que permite aumentar o número destes seres. “A calor na auga aumenta as taxas de reproducción” di Ana Freirias de Ecoloxistas en Acción.

Por outra parte, tamén está a diminución ou extinción de moitos depredadores (tartarugas, pequenos tiburóns e outros seres). Xunto a isto, os depredadores que quedan confunden moitas veces os plásticos no mar con medusas polo que aumenta a mortandade na fauna mariña por consumo de plástico.

Detrás da desaparición dos depredadores non está só a contaminación por plásticos senón a contaminación en xeral, sobre todo por hidrocarburos e tamén a sobrepesca de especies habitualmente consumidoras destes organismos. Tense estudado en áreas costeiras afectadas por verteduras de petróleo que estas eliminan a fauna da zona incluído organismos que poden alonxar a presenza de medusas. Unha vez desaparecen estes organismos a poboación aumenta destacablemente.

Alén de todo isto, o cambio nas correntes e nas temperaturas do mar non son descartables como fenómenos detrás do incremento poboacional de medusas. “Temos a carabela portuguesa, elemento moi presente en augas tropicais e subtropicais que está chegando ás nosas costas” di Mariano Lastra biólogo mariño da Universidade de Vigo. Ademais, podería deberse a súa presenza a cambios nas correntes mariñas? “Non ten por que ser así mais os datos sobre cambio climático están aí e non son moi optimistas”.

Medusa veleiro
Medusa veleiro | Fonte: GC

REPERCUSIÓNS
Cales serían as repercusións sobre o litoral galego en relación coa presenza de medusas? “Realmente non ten por que alterar a vida na costa” di Xandro García, biólogo mariño e creador da web marabaixo.gal. “O problema sería se enchen redes de pesca en lugar do peixe que se quere capturar, dobrando o traballo dos pescadores”, di García.

“A lóxica di que se aumenta a densidade de medusas isto debera ser unha grande oportunidade para outras especies que se alimentarían delas” di Ana Freirías. “O seu aumento non debera supoñer ningún risco para as poboacións mariñas locais nin para a actividade pesqueira” di Mariano Lastra quen si vería un risco nunha vaga moito máis numerosa.

“Estes seres emigran cara as augas do norte porque agora sonlles máis óptimas para sobreviviren” di Lastra. O problema máis inmediato no verán sería que as autoridades teñan que pechar praias e non permitir o baño debido á presenza, sobre todo, de medusas con picada perigosa ou urticante.

O mar e a terra están cambiando. As altas temperaturas, a contaminación das augas mariñas, os posibles cambios nas correntes oceánicas, a polución por hidrocarburos e outros elementos como a sobrepesca estarían detrás da proliferación no número de medusas. Isto á parte de ser un termómetro da situación do mar tamén pode transformarse, de darse as condicións, nun risco para algúns sectores económicos das vilas e cidades costeiras. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta