Mais o problema dase, tamèn, a respecto da cidadanía que si puido votar. Porque a pregunta que se lle prantexou á cidadanía aquel lonxano día de Nadal do 1978 incluía, dentro do paquete e sen posibilidade ningunha de desbotalas, opcións políticas tan importantes como a Monarquía borbónica ou a proscrición do dereito a decidir das diversas nacións do Estado(impúxose na redacción unha expresión tan rechamante e reiterativa como que a Constitución baseábase “na indisolúbel unidade da Nación española, patria común e indivisíbel de todos os españois…” ).
Para máis, a evolución lexislativa posterior do sistema constitucional anulou na práctica o recoñecemento do dereito ao autogoberno singular e paccionado de Galicia, Euskadi, Catalunya e Navarra (da que se prevía constitucionalmente en plena igualdade de opción a súa incorporación a Euskadi ou a súa continuidade como comunidade foral independente). Primeiro diluíndo e xeralizando ese dereito ao outorgarlle “café para todos” aos outros territorios, aos que ademáis se lles dotou por vía de transferencia de todas as competencias que compuñan o nível autonòmico previsto só para as nacionalidades. Segundo recentralizando, quer co pretexto da garantía do cumprimento do Dereito e decisións singulares da Unión Europea, quer co continuo baleiramento do autogoberno a medio de leis de bases ou mecanismos de tutela estatal (normativa, executiva e financeira) impropios dun Estado composto.
Velaí porque, independentemente de que a propia evolución da tecnoloxía, dos valores, da economía e da sociedade requiran dunha fonda revisión constituínte, sexa ésta inaprazábel para o encaixe normativo da España plurinacional, recoñecendo o dereito a decidir das súas diversas nacións (entre elas Galicia) e garantíndolles un financiamento automático e xusto e un autogoberno blindado de inmisións dende o Poder Central. Se non se enfronta axiña dificultarase ou mesmo imposibilitarase este encaixe.