Deslumbra no tribunal: estratexias para converter a defensa do TFG ou TFM en todo un éxito

Descobre os consellos de Xosé López García e Enrique Castelló Mayo para asegurar unha defensa impactante e profesional que captará a atención do tribunal e destacará entre as demais.

Por Elena G.Fdz | Santiago de Compostela | 02/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Defender un Traballo de Fin de Grao (TFG) ou un Traballo de Fin de Máster (TFM) é un momento crucial na vida académica de calquera estudante. Para axudar a preparar esta fase decisiva, conversamos con dous profesores con ampla experiencia en tribunais de defensa: o catedrático Xosé López García e o profesor doutorado Enrique Castelló Mayo. A partir das súas respostas, presentamos os consellos máis relevantes para que a túa defensa sexa un éxito.

Muller estudante cunha carpeta
Muller estudante cunha carpeta | Fonte: Freepik

PREPARACIÓN: SELECCIÓN DO TEMA 

 

Para Xosé López García, a clave dunha boa defensa empeza moito antes do día da presentación: está na elección adecuada do tema. Segundo el, "é importante que o alumno elixa algo que lle interese e lle sexa útil, xa que pasou un número importante de horas na súa elaboración". Se o traballo é de investigación, o esencial é explicar claramente os obxectivos, a metodoloxía empregada e os resultados obtidos. Se se trata dun traballo de tipo práctico ou de produto, debe destacar as diferenzas respecto a o existente, a súa sustentabilidade e a súa interacción cos usuarios.

 

Un erro común que cometen os estudantes é tentar abarcar demasiado. “O erro máis habitual é querer falar de todo e non centrarse no que realmente se fixo e no que achega”, explica López García. Por iso, recomenda enfocarse nos aspectos máis concretos e relevantes do traballo, en lugar de tentar dar respostas a todos os temas relacionados.

 

Na mesma liña, Enrique Castelló Mayo insiste na importancia de non tentar sobrecargar a presentación con información irrelevante ou excesiva. Para el, o problema é que moitos estudantes "queren incluír demasiados datos" en lugar de centrarse no esencial. Subliña que as diapositivas deben ser concisas, cunha regra barthesiana de "ancoraxe e relevo": o que está na diapositiva non debe ser repetido oralmente, senón complementado, e viceversa. Esta técnica permite destacar só o máis importante, evitando atafegar ao tribunal con información redundante.

ESTRUTURA E CLARIDADE

A presentación clara e estruturada é fundamental. Segundo López García, a defensa debe seguir un formato coherente, que idealmente responda á clásica estrutura de "introdución, desenvolvemento e conclusión". Con todo, tamén anima aos estudantes para innovar na súa presentación, buscando entradas e saídas dinámicas, sempre cun fío condutor moi claro.

Pola súa banda, Enrique Castelló Mayo resalta a importancia da concisión: “a defensa non debe durar máis de 10 a 13 minutos. Trátase de ser breves e efectivos”. Tamén destaca a necesidade de captar a atención desde o inicio: "É recomendable empezar cun gancho que esperte o interese do tribunal e terminar con outro, deixando o menor espazo posible entre ambos". Castelló tamén pon énfase en que a presentación debe ser dinámica, apoiándose en imaxes ou vídeos breves que acheguen valor ao discurso.

Ambos coinciden en que as diapositivas deben estar ben deseñadas e evitar o uso excesivo de texto. “As diapositivas non deben ser ladrillos cheos de texto que ninguén le", advirte Castelló Mayo, insistindo na importancia dunha boa interacción visual durante a defensa.

AS CLAVES DUNHA PRESENTACIÓN IMPACTANTE

 

Para que a defensa do TFG ou TFM deixe unha pegada duradeira no tribunal, Enrique Castelló Mayo ofrece unha serie de consellos clave que teñen que ver coas habilidades comunicativas e a posta en escena da presentación. "Non se escribe como se fala, nin se fala como se escribe", advirte Castelló, subliñando a importancia de adoptar un estilo de comunicación oral que sexa claro, fluído e adaptado ao contexto. A elocuencia e o dinamismo son elementos fundamentais para que o discurso non resulte monótono.

 

Ademais, o profesor fai fincapé no uso da xestualidade xa que "reforza o que estamos dicindo". “É importante que o noso corpo comunique tanto como as nosas palabras, tamén para dirixir a atención", explica. Para iso, recomenda o dominio do espazo: moverse con naturalidade polo lugar da exposición sen permanecer fixo nun só punto. Así mesmo, o contacto visual é esencial: "teño visto alumnos presentar mirando ao chan ou ao horizonte, e isto é un erro, debes mirar aos membros do tribunal, no caso de que haxa público tamén podes dirixirte a eles, pero debes centrarche non tribunal porque son quen che vai a cualificar”, insiste.

 

Outro consello valioso é incluír un comentario desenfadado durante a exposición: "pode ser recomendable, sempre dependendo do tribunal, facer un comentario desenfadado, non unha broma, isto non é club da comedia", indica Castelló. Así, o tribunal sente unha conexión máis humana e ou ambiente faise máis distendido. Ademáis, Castelló recomenda manter unha identidade corporativa coherente nas diapositivas: "a presentación debe ter unha imaxe gráfica unificada, con cores e tipografías que sexan representativas do teu traballo, pero sen abusar de elementos innecesarios. Menos é máis".

DOMINIO DO TEMA

Unha defensa excelente, segundo Xosé López García, é aquela que “mostra un coñecemento profundo do tema, demostra dedicación e explícase con soltura e exemplos”. A diferenza entre unha defensa excelente e unha media está, na súa opinión, na capacidade do estudante para comunicar de maneira clara e convincente. "Unha defensa media é aquela na que o alumno se limita a ler o esquema ou saír do apuro con recursos para a ocasión", sinala. Ademais, López García destaca que os estudantes deben saber vincular o seu traballo con teorías e conceptos previos do seu campo de estudo, demostrando así un dominio dos coñecementos adquiridos durante o grao ou o máster.

COMO MANEXAR AS PREGUNTAS DO TRIBUNAL

Responder adecuadamente as preguntas do tribunal é un dos puntos máis críticos da defensa. Para Xosé López García, as preguntas adoitan centrarse en aspectos clave como a metodoloxía utilizada, a coherencia do traballo e a redacción, especialmente en carreiras como Comunicación. A capacidade de xustificar as decisións tomadas ao longo do traballo é esencial. En palabras de López García, “sempre tes que ter algo non fardelo para saír en caso de apuro”, o que resalta a importancia de estar preparado para calquera eventualidade.

 

Enrique Castelló Mayo engade que algunhas preguntas son case inevitables e repítense con frecuencia. "Sempre che van a preguntar sobre a motivación do teu traballo se non o dixeches e a bibliografía que consultaches. Queren saber o por que dese tema e se está ben fundamentado". Isto é crucial para que o tribunal determine se o traballo "foi unha ocorrencia dunha feliz tarde de domingo ou o resultado dun proceso serio e ben planificado".

 

Para manexar mellor a situación, Castelló recomenda aos estudantes tomar nota das preguntas mentres o tribunal as formula e respondelas de maneira clara e estruturada. "Non te poñas a mirar ao tribunal coas mans cruzadas; toma nota e responde de maneira breve e concisa", suxire. Ademais, subliña a importancia de mostrar humildade ante preguntas inesperadas: "Se non sabes algo, recoñece a contribución do tribunal e agradece o seu comentario. Esa achega sen dúbida mellorará o teu traballo en futuras edicións".

AS CLAVES DO ÉXITO

Ambos profesores coinciden en que unha boa defensa non só depende do contido escrito do traballo, senón tamén da claridade e efectividade da presentación oral. O enfoque no esencial, a preparación de respostas coherentes, o dominio do espazo e dos recursos audiovisuais, así como a orixinalidade e o estilo propio, son factores que poden elevar o teu defensa de media a excelente. Enrique Castelló Mayo destaca tres regulas de ouro que deben guiar a túa preparación: "ensaio, ensaio e ensaio". Estes ensaios permiten axustar o contido e a forma, garantindo que a presentación sexa fluída e efectiva.

Lembra, o máis importante é que mostres seguridade, centres a presentación no valor engadido que aporta o teu traballo e saibas responder as preguntas do tribunal con confianza e humildade. Cunha boa preparación e unha actitude tranquila, poderás converter a túa defensa nunha experiencia exitosa. Moito ánimo!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta